O Nadal en catro bocados
A busca do lugar perfecto para as xuntanzas culinarias con familiares, amizades e colegas identifícase nestas datas. Aquí ofrecemos catro opcións tan firmes como as patas dunha boa mesa.
Alium, con gusto e sen glute
Rúa do Ecuador, 80 | 697 88 33 67 | @aliumvigo | aliumtaperia.com
Converteuse nun dos lugares favoritos para aqueles que buscan unha experiencia culinaria diferente e saudable onde prime a orixinalidade de presentacións e sabores. Recoñecido polo seu compromiso coa cociña sen glute e tamén é moi popular entre a clientela que busca pratos de corte vegano.
Coa chegada do Nadal, Alium prepara unha oferta especial para grupos a partir de catro persoas. Ofrécense tres menús, que se poden reservar a prezos moi competitivos: 30, 35 e 40 euros. O máis económico está deseñado totalmente para compartir, namentres que os outros dous inclúen un prato principal por comensal. Algúns dos pratos que atopamos nestes menús son os boliños de iuca e cogomelos, os tacos de tenreira grellada, a berenxena con miso e queixo vexetal e o salmón con codia de améndoa e alfábega. Ademais pódense pedir dúas bebidas e rematar a comida cunha sobremesa caseira e un café. O restaurante tamén abre en Noitevella, ofrecendo a posibilidade de despedir o 2024 cunha cea moi especial. O menú proposto consta de cinco entrantes, dous principais (rodaballo e solombo de tenreira) e un brownie con praliné e laranxa. Como colofón para a cea, ofrécese unha copa de cava, cotillón e uvas para entrar con bo pé no 2025.
As Cunchas, un refuxio tradicional
Rúa de Tomás A. Alonso, 117 | 678 96 10 30 | @ascunchas | ascunchas.es
Unha opción ideal para aqueles que buscan un ambiente tradicional, acolledor e afastado do bulicio do centro da cidade. Dous dos puntos fortes que ten As Cunchas son a flexibilidade á hora de compoñer os menús para grupos e a posibilidade de alongar a sobremesa, mesmo coa presenza dun DJ. Este restaurante especialízase en asados ao forno e á grella, nunha proposta gastronómica baseada nos produtos frescos e elaboracións tradicionais de Galicia e Portugal.
Para esta temporada de festas e xuntanzas conta con catro menús pensados para grupos. O menú básico, co churrasco como protagonista, é unha opción clásica que nunca falla. O menú tradicional inclúe entrantes como empanada caseira e luriñas e un segundo a elixir entre lomedro ou pescada ao forno. E o menú de Nadal, máis especial, que inclúe lagostinos, vieiras e outros mariscos, achegando un toque de distinción á celebración. Os menús grupais pódense reservar para un mínimo de oito persoas, sendo necesario que toda a mesa escolla o mesmo, pero todos se poden personalizar ou adaptar ás intolerancias de cadaquén, e inclúen bebida ilimitada mentres se sirve a comida.
Ademais de servir no local, o restaurante admite encargos de fastuosos pratos nos que son especialistas para recoller e levar para a casa. Cabrito, cordeiro, empanadas, leitón, lomedro, marisco ou peixe, coas correspondentes gornicións, saben mellor cando a única preocupación é ilos recoller á hora acordada.
Cañaveral, unha festa florecente
Praza Porta do Sol, 6 | 623 02 48 45 | @canaveral_vigo
Célebre polo brunch e a súa carta de pratos autóctonos e internacionais, o amplísimo comedor, a variada oferta culinaria, o extenso horario e a posibilidade de alongar a sobremesa nun ambiente festivo a poucos metros da xigantesca árbore do Concello, fan de Cañaveral unha opción moi interesante para as ceas propias destas datas. Para facilitar as reservas, o restaurante propón tres menús pensados para grupos a partir de catro persoas. Os menús con nome propio, «Carey» (27,00 €) e «Albelca» (37,00 €), que inclúen un prato principal a elixir: salmón con mollo teriyaki e verduras ou entrecosto con queixo de Arzúa, tomates cereixeiros e patacas. A diferenza está nos entrantes, pois o segundo menú inclúe, ademais de canapés, dous clásicos con moito sabor a Nadal: lagostinos ao forno e vieira gratinada. Ambas as dúas minutas rematan cunha degustación de tortas e inclúen unha bebida. Tamén podemos optar polo menú vegano, composto por unha ensalada Caprese con queixo vexetal, salteado tailandés como prato principal e, como sobremesa, unha cremosa mousse de manga e froitos vermellos. Outro punto a favor da casa é que conta cunha proposta específica para que o público infantil poida gozar do festín con pratos adaptados aos seus gustos.
Tanto o local coma os pratos teñen unha estética moi coidada, con decoración inspirada na natureza. Respírase en todo momento un ambiente festivo que se manifesta contra a medianoite, cando o local se converte nun bar de copas ideal para degustar un cóctel de autor ao ritmo da música.
Piacere, mirando o mar
Avenida da Atlántida, 106 | 986 82 08 20 | pazolosescudos.com/nuestras-cartas | @piacerebylosescudos
Situado no emblemático Pazo Los Escudos, este restaurante ten unha carta baseada en receitas da cociña tradicional italiana con toques orixinais da cociña moderna. Os salóns luminosos e a terraza con vistas ao mar proporcionan un ambiente acolledor e elegante, moi propicio para fuxir do barullo do centro e celebrar xantares e ceas en parella ou en grupos pequenos. Aínda que non conta cun menú específico para estas datas, Piacere ofrece unha ampla variedade de opcións para satisfacer todos os gustos.
A pasta fresca, que se prepara nunha ducia de formatos, é unha das especialidades da casa:lasaña de cogomelos silvestres, tagliatelle á boloñesa ou tortellini de peixe sapo son algunhas destas opcións. Os amantes da pizza atopan en Piacere unha masa caseira de calidade, elaborada segundo a tradición napolitana, e unha variedade de ingredientes que van desde a clásica margherita ata combinacións máis orixinais como a denominada «Los Escudos», con pistacho, cabaciña e tomate seco. A carta tamén inclúe unha selección de entrantes e pratos principais como o tradicional carpaccio ou un suculento risoto de cogomelos con escalope de foie. O osobuco con risoto de azafrán e o salmón en papillot son algúns dos pratos máis festivos da oferta. As sobremesas, como o tiramisú ou a panacotade limoncello, poñen o broche de ouro a unha comida de cinco estrelas.