Omichi: o camiño do bo ramen
Omichi, o primeiro restaurante de ramen da cidade, foi pioneiro en ofrecer un prato á alza no seu local da rúa de Rogelio Abalde. Coa apertura dun segundo local na rúa do Fragoso, consolídase como referente da cociña xaponesa en Vigo.
Os responsables deste proxecto son Laura e Mauro, unha parella de amigos que se coñeceu traballando no Cirque du Soleil e que comparte a paixón pola gastronomía xaponesa. Mauro, vigués de nacemento, viviu no Xapón varios anos e, á volta, botou de menos os sabores e a atmosfera das pequenas tabernas nipoas, coñecidas como izakayas. Así naceu Omichi, un espazo onde gozar de pratos caseiros elaborados con produtos de primeira calidade e seguindo as receitas tradicionais do país do sol nacente. Como nas taperías do Xapón, podemos sentar á beira da barra e observar a cociña mentres tomamos unha cervexa artesá ou un refresco de importación.
A carta de Omichi divídese en dúas partes: izakaya e ramen. Son semellantes nos dous locais, pero ningún prato é idéntico. A sección de izakaya ofrece unha variedade de pratos pequenos, pequenos pratos perfectos para compartir como primeiro e probar varios sabores. Entre eles destacan os edamame con sal ou salsa picante; os encurtidos caseiros de kimchi, alga wakame, daiku (tubérculo xaponés), bambú e cogombros; os dumplings con salsa de chiles; as ameixas con manteiga e gochujan (pasta de chile fermentada coreana); o sashimi de atún con crema de aguacate; o arroz frito con ovo e o salmón curado con alga nori e fiúncho encurtido.
A sección de ramen, sen dúbida a estrela da casa, ofrece catro variedades: «Shio», con caldo de polo, chasu (porco a lume maino), cebola tenra e ovo, moi axeitado para os que se inician nos sabores xaponeses e non busca sabores moi potentes; «Shoyu», similar ao anterior, pero cun caldo máis intenso a base de soia; «Mazesoba Soyu», fideos sen caldo acompañados de cacahuete, carne picada e xema; «Tan Tan», unha opción vegana elaborada con caldo a base de sésamo, con tofu e bock choi.
Mauro e Laura teñen claro o que os fai únicos: unha cociña cento por cento caseira, baseada en elaboracións longas e artesanais. «O ramen móntase nun minuto, pero leva días preparalo», explica Mauro, que está aos mandos da cociña. A cocción longa dos caldos, os marinados ou a elaboración dos fideos, son algúns dos elementos que fan brilar a sopa grazas ao longo tempo dedicado. En Omichi contan cunha máquina importada de Xapón coa que elaboran os fideos seguindo a receita orixinal, nun obrador acristalado no fondo do local.
Aínda que o ramen púxose de moda nos últimos anos e cada vez son máis os restaurantes que ofrecen este prato na cidade, Omichi segue sendo un referente grazas ao seu ambiente acolledor, a súa cociña caseira e a paixón dos seus propietarios. O nome Omichi ten un dobre significado nestre emprazamento. O literal é “camiño”, simbolizando a procura da perfección en cada prato. Por outro, Michi é o cariñoso alcume co que a familia chama a Mauro, engadindo un toque persoal e familiar ao proxecto.
Rúa de Rogelio Abalde, 9; avenida do Fragoso, 36 | @omichiramenbar | 669 75 94 94
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024