VIALIA
MAGIC LAXE

O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local

No pleno do pasado xoves 14 o concelleiro de Facenda de Vigo, Jaime Aneiros Pereira, calificou a iniciativa Súbete ao Castro, eliminada polo Concello de Vigo hai unha década, como “un fracaso estrepitoso”. O colectivo Grupos de Vigo en Loita prgúntase: “En que cabeza cabe que un programa que acolleu centos e centos de iniciativas para a mocidade fose un fracaso?” . Analizamos a relación do Concello de Vigo cos seus propios músicos.

Jaime Aneiros Pereira, concelleiro de Facenda, co edificio de Súbete ao Castro de fondo

Houbo unha época non tan afastada no tempo na que a xuventude viguesa se reunía no alto do Castro para ensaiar coa súa banda ou acudir a concertos doutros grupos locais que se estaban a formar nese momento. Súbete ao Castro foi unha iniciativa impulsada polo goberno do BNG de Lois Pérez Castrillo no ano 2000 dirixida á mocidade menor de 30 anos. Alí tiñan á súa disposición salas de ensaio gratuítas e un pequeno escenario exterior onde realizar concertos, entre outras actividades de lecer. Ata o 2014, ano no que o goberno de Abel Caballero decidiu pechar o local por mor dunhas supostas humidades, por alí pasaron centos de músicos locais e alí se formaron decenas de bandas que, con menor ou maior éxito, contribuíron ao patrimonio cultural e musical de Vigo.

Resulta sorprendente que o concelleiro vigués de Facenda Jaime Aneiros Pereira, cuxa función pouco ten que ver coa cultura e a mocidade, afirme con tanta seguridade que Súbete ao Castro foi “un fracaso estrepitoso”. Xa sexa con afán de mentir ou por ignorancia, Aneiros demostra a enorme fenda que existe entre os gobernantes e a cidadanía, especialmente a máis nova. Dous exemplos disto son o recente peche da Casa da Xuventude por unhas supostas reparacións ou a ubicación escollida para abrir Vigosónico, situado nun polígono (o de Valladares) ao que ningún rapaz que non queira invertir catro horas en ir e volver pode acudir polo seu propio pé.

Do comentario do concelleiro de Facenda pódese entender que todo aquel concerto que non reúna a máis 100.000 persoas, como acontece habitualmente en Castrelos segundo as precisas cifras do alcalde, non pode considerarse doutro xeito que de “fracaso estrepitoso”. “Só pode consideralo un fracaso alguén a quen non lle importe a cultura ou que a mocidade teña alternativas de ocio enriquecedoras”, sentencian dende a plataforma Grupos de Vigo en Loita.

Ironicamente, na súa conta persoal de X (antes Twitter), Aneiros rechouchiou en 2023 unha publicación das Tanxugueiras tras o seu concerto en Castrelos. Isto é: presume de que un grupo galego encha o maior recinto da cidade pero considera un fracaso unha iniciativa que trata de crear e formar grupos locais.

Desde o colectivo tamén advirten do perigo destes peches provisionais do Concello: “Nunca hai que fiarse dos peches indefinidos do Concello como este, pois non só pecharon a traizón o espazo do Castro, senón que tamén intentaron facer o mesmo con Vigosónico na pandemia; foi a presión popular a que obrigou a reabrir as instalacións de Valadares”, afirman.

REVISTA NOVEMBRO

Este non é, nin moito menos, o primeiro desplante do Concello de Vigo aos seus propios músicos. Nunha entrevista en 2019 Abel Caballero afirmou que el saía máis barato que os grupos locais para abrir os concertos de Castrelos. Sobre o tema dos abreconcertos, Caballero asegura que os grupos grandes non os queren (salvo Sting, que enchufou ao seu fillo de 46 anos), a pesar de que houbo polo menos 15 espectáculos con abreconcertos en Castrelos desde que el é alcalde.

Outra das polémicas relacionadas coa música local foi o festival fantasma Rock in Vigo, que supostamente tería lugar na Porta do Sol a fin de semana previa ao fatídico (polo menos a nivel legal) concerto de Guns N Roses de 2023. “En máis dun ano e medio dende que fixo esa promesa non contactou con ningunha banda nin deu ningún compromiso, polo que tememos que de novo será papel mollado e non se cumprirá”, lamenta Grupos en Loita. “De feito, algo así xa o prometeu a concelleira María del Carmen Lago Barreiro cando se reuníu connosco en 2022, e nada”, asegura.

Tamén podemos engadir á lista o nada promocionado ciclo de concertos de artistas locais que programou durante o verán de 2020, cando a o pandemia da Covid-19 deixou á cidade sen as actuacións de Castrelos. Unha vez volveron os grandes shows ao auditorio vigués, o goberno local non volveu programar nada semellante cos músicos da zona. Xa daquelas o advertía o músico Óscar Avendaño: “Isto cheira malnon lles interesa o máis mínimo coidar este produto. Só se acordan de nós cando non hai máis remedio, é unha mostra de desprezo”. O Concello de Vigo continúa a tirar pedras contra o seu propio tellado.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.