Musicav, un cóctel sonoro ideal para o outono
O martes 5 comeza a segunda edición de Musicav, un ciclo de concertos de jazz e música clásica organizado por Vitruvia Café ideal para esta época do ano. Falamos con Javier Ferreiro, unha das persoas encargadas de levar a bo porto tanto o café cultural como o festival.
Na actualidade, tanto o jazz como a música clásica son xéneros minoritarios. Pero non sempre foi así: as dúas correntes gozaron de enorme popularidade ás dúas beiras do Atlántico durante décadas en séculos pasados. Hai quen mantén unha fe cega nestas músicas e pensa que, presentadas de xeito apropiado, poden interesar a gran parte da cidadanía. É o caso de Javier Ferreiro, un dos xerentes de Vitruvia Café —un dos locais que máis avogan por manter vivas as chamas destes dous xéneros na nosa contorna— e director do ciclo Musicav, cuxa segunda edición se programa no auditorio do Teatro García Barbón os días 5, 6, 12 e 13, os dous primeiros martes e mércores deste mes.
Melómano empedernido, a experiencia como programador semanal do devandito café da praza de Compostela e os últimos veráns do festival Vigo Jazz-Class son o mellor aval de Ferreiro: «O outono é unha época estupenda para este tipo de festivais, no que mesturamos música clásica e jazz con gran presenza de músicos galegos».
«O outono é unha época estupenda para este tipo de festivais»
Javier Ferreiro, organizador do ciclo
A programación é ben variada: arranca o martes 5 con «Corriente del Golfo», unha agrupación de dez artistas galegos e cubanos que ofrecen o mellor jazz latino; o mércores 6 é a quenda do percorrido cronolóxico «De Bach a Glass», que reúne catro grandes intérpretes de música clásica nun repertorio que inclúe a Bach, Beethoven, Chaikovskii, Paganini, e Shumann; o martes 12 toca bailar nas butacas grazas ao swing contaxioso do trío do carballiñés Alfonso Medela, unha selección de estándares eléctricos da man de tres reputados músicos; e, para rematar, o mércores 13 cine e música fan bo xugo coa sonorización en directo do gran filme clásico The General (Buster Keaton, 1926) a mans da formación local Caspervek Trio. Un dos factores que máis chamou a atención do público na primeira edición foi o coidado do apartado estético. «Cando escoitas música na casa, tratas de buscar un ambiente cómodo, e iso mesmo é o que queremos facer no teatro: que o público se sinta coma na casa», afirma Javier.
Esa filosofía tamén se leva a cabo no café Vitruvia, desde un cómodo e elegante mobiliario ata un fío musical seleccionado con agarimo. O director do festival recoñece que o público deste tipo de propostas adoita ser de idade veterana, polo que ve urxente traballar na remuda xeracional. «As administracións teñen unha gran responsabilidade na educación infantil; a cultura musical, non só na escola, deixa moito que desexar. A música clásica e o jazz tamén están feitas para que a rapazada desfrute», apunta Ferreiro.
«A música clásica e o jazz tamén están feitas para que a rapazada desfrute»
Pensa que, apoiando este tipo de iniciativas culturais, aínda que non sexan masivas, os entes públicos axudan a crear unha sociedade mellor, máis crítica e con máis sensibilidade. «Ninguén perde, gañamos todos», resume. Música minoritaria nun espazo de gran capacidade con pouca marxe de tempo e sen apoio institucional de ningún tipo: levar adiante a primeira edición non foi unha tarefa doada. Javier recoñece que o amor pola música é o motor que o mantén en movemento. «Xa que a música me deu tanto, que podo facer eu por ela? Se algo me gusta máis que a propia música é ver como a xente goza dela». E conclúe: «Cando alguén me felicita pola programación, éncheme o depósito».
Programa
- martes 5 «Corriente del Golfo»
- mércores 6 «De Bach a Glass»
- martes 12 Alfonso Medela Trio
- mércores 13 Caspervek Trio: «The General»
Ás 20:30 no Auditorio do Teatro García Barbón | Entradas individuais: 15,00 € | Abono polos catro concertos: 50,00 € | Á venda en ataquilla.com
Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024