CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Amaral, Berto Romero e La Ruina participan no festival vigués que rende tributo ao Hematocrítico

A primeira edición do Hematofesti, que se celebra en Vigo do 6 ao 10 de novembro, desvela o seu cartel, composto por 52 recoñecidos artistas da literatura e a comedia, os dous aspectos polos que o Hematocrítico era recoñecido.

CAMELIAS NADAL

Vigo celebra do 6 ao 10 de novembro o primeiro festival de humor e literatura infantil Hematofesti, na memoria do escritor, mestre e humorista Miguel López, coñecido nas redes como Hematocrítico e finado en novembro de 2023. O evento está impulsado pola escritora Ledicia Costas e codirixido polo debuxante, animador e cineasta Alberto Vázquez.

Da programación aínda non se coñecen os detalles, pero un vídeo publicado nas redes sociais do Hematofesti adianta que a homenaxe contará con persoeiros destacados como Amaral, Berto Romero, Paco Roca, La Ruina, Amaro Ferreiro, Eva Mejuto, Manuel Bragado ou Carolina Iglesias. O plantel de artistas ilustres continúa ata 52 nomes da música, o humor, a literatura e a ilustración a nivel nacional. A mesma publicación tamén desvela algunhas localizacións do evento, que se celebrará en diversas sedes como o MARCO, a Galería Maraca e a Fundación Évame Oroza.

Ata o momento, a única actividade desvelada do festival é a convocatoria  do I Premio ‘Humor con H’ de álbum ilustrado infantil, que pechou o período de recepción de obras o pasado 10 de outubro. O galardón está dotado con 5000 € a modo de adianto e a publicación da obra nas catro linguas oficiais do Estado Español (castelán, galego, català e euskara). O premio nace co obxectivo de promover a filosofía do Hematocrítico, que consistía en entender a vida a través da xenerosidade, a empatía e o Humor.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.