Sergio Castro: “Sen uns coñecementos matemáticos básicos somos moito máis manipulables”
Sergio Castro é Profesor10mates, o famoso profesor de matemáticas youtuber que xa acumula máis de 210.000 seguidores na súa canle. Este xoves presentará ‘Profe para que serven as mates?’ na Sede Afundación. Unha charla na que tamén haberá xogos matemáticos.
Para que serven as mates?
As mates serven para todo. Dende que nos erguemos ata que nos acostamos a nosa vida está chea de matemáticas. Nós somos un número, o noso carné de identidade é un número. Eu sempre digo que hai dúas opcións, que estudemos e controlemos os números ou que os números nos controlen a nós. Non fai falla saber integrar nin ser unha máquina das ecuacións diferenciais, pero si ter uns coñecementos mínimos para que eses números non nos dominen a nós.
“Os problemas matemáticos axudarannos a enfrontar e resolver os nosos problemas do día a día”
Hoxe en día que dirías que predomina na sociedade: as persoas que dominan os números ou as persoas que son dominadas polos números?
Creo que hai un pouco de todo. Hai unha cousa que se chama numerismo, que significa que si non temos eses coñecementos básicos matemáticos, somos moito máis manipulables e moito máis fáciles de controlar. Por exemplo, eses conceptos axúdannos cando imos ao banco a contratar unha hipoteca ou a entender mellor o recibo da luz e do teléfono e saber en que gastamos o diñeiro.
As matemáticas tamén son moi importantes porque nos abren a mente. As matemáticas son problemas fáciles de resolver, a vida está chea de problemas moito máis difíciles. Se nos acostumamos, a través das mates, a procurar unha solución, a mirar o problema dende diferentes perspectivas para chegar a esa solución, o aplicaremos na vida diaria.
En que momento decidiches crear unha canle de youtube para explicar matemáticas?
A canle naceu como unha necesidade do meu traballo. Eu vía que os meus chavales precisaban reforzar certos exercicios e entón comecei a subir exercicios clásicos de exame á rede. Ademais, moitos alumnos que remataban o bacharelato e marchaban fóra a estudar á universidade contactábanme porque non recordaban como integrar ou como derivar. Decidín crear uns tutoriais en youtube que lles servisen tamén a eles. Tiveron unha grande aceptación, ata o punto de que fai dous anos e medio profesionaliceino e enfoqueino a todo o mundo e está funcionando fenomenal.
Sorprendido co éxito que alcanzaches?
Moi gratamente sorprendido. Agora mesmo son 210.000 os seguidores da canle de youtube. Para tratarse dunha canle de matemáticas e física e química é unha pasada.
“Eu divírtome moitísimo facendo matemáticas e física e química e iso á xente mólalle”
En que cres que reside ese éxito?
Eu creo que é porque me gusta e divírteme. Sempre digo que as mates e as ciencias son como Shrek, se as ves por fóra parecen un ogro feo, verde, que incluso chega a meter medo… pero cando as coñeces son súper divertidas! Eu divírtome moito facendo matemáticas e física e química e iso á xente mólalle.
Por que son as matemáticas unha das materias máis odiadas polos alumnos?
Moitos mozos frústranse porque non as entenden. Eu creo tutoriais que lles chamo ‘De 0 al infinito y más allá’, con eses tutoriais o que quero é consolidar a base. Moitas veces os rapaces, que teñen demasiada boa memoria, optan por memorizar, elles máis sinxelo memorizar os pasos que entender o proceso. E iso, co tempo non lles permite evolucionar.
Cres que debería mudar a forma na que se dá matemáticas?
As cousas sempre son mellorables, pero eu non inventei nada. Adapteime ás novas tecnoloxías pero utilizo os mesmos métodos que empregaron os meus profesores comigo. Se a min me encantan as matemáticas é grazas aos profesores que tiven. Todo aquilo que funcionou comigo o emprego eu cos meus alumnos.
Nas clases cos teus alumnos tes o mesmo éxito?
Si, fago nos vídeos o mesmo que nas clases, non fago nada novo.
“Faime moita ilusión que pais e fillos se divirtan xuntos cos meus vídeos”
Os pais son tamén uns grandes consumidores dos teus vídeos.
Escríbenme moitísimos pais para darme as grazas porque pasan as tardes cos seus fillos aprendendo e divertíndose coas matemáticas e a física e química. A verdade que iso é unha pasada, faime moitísimo ilusión.
En que consistirá a charla deste xoves e a quen vai dirixida?
A charla deste xoves vai dirixida a tódolos públicos e falaremos de todo isto que temos comentado aquí e faremos algúns xogos matemáticos, creo que a xente se vai divertir.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024