A feira Vegana.gal presenta a súa programación completa
A cuarta edición da feira Vegana.gal celebrarase os días 26 e 27 de outubro no IFEVI, cun programa cheo de actividades que abrangue desde o activismo e a gastronomía, ata espazos especializados para a infancia e unha zona B2B para profesionais. Este evento anual consolídase como o principal encontro vegano en Galicia, reunindo proxectos sostibles e emprendedores que promoven un estilo de vida respectuoso cos animais e co planeta. Podes mercar aquí a túa entrada.
A cuarta edición de Vegana.gal, que se celebrará os días 26 e 27 de outubro no IFEVI, contará coa participación de destacados profesionais do mundo do veganismo. No ámbito da nutrición e dietética, Aitor Sánchez, coñecido polo seu labor divulgativo en @midietacojea, ofrecerá unha charla sobre como combater os mitos ao redor da alimentación vegana. O activismo vegano estará representado por figuras como Amanda Romero, coordinadora de campañas en Veganuary, quen falará sobre o impacto desta iniciativa; Mauricio García Pereira, recoñecido polo seu activismo contra a crueldade nos matadoiros, compartirá a súa experiencia nunha charla; e Rocío Cano, socióloga e activista, analizará a crianza vegana desde unha perspectiva social.
Unha feira para todos os públicos: xeral, infantil e sector profesional
Por suposto, a gastronomía tamén será un dos puntos clave da feira, cunha serie de showcookings que demostrarán que a cociña vegana non ten límites. O sábado, Marc Coloma, fundador de Heura Foods, liderará unha demostración culinaria baixo o título ‘A realidade oculta do sistema alimentario e que facer para mudalo’, mentres que Águeda Ubeira, de Vanetta Foods, presentará a súa visión sobre como ‘Reinventar a cociña tradicional’ o domingo.
Ademais, o público infantil contará cun programa especial, que inclúe Peque Ioga, contacontos, obradoiros creativos como a elaboración de monicreques reciclados e un espazo para xogar en familia con actividades divertidas como o circo de @atipicocirco. Este ano tamén se ofrecerán sesións de Mini Vegan Chef para que os máis pequenos se familiaricen coa cociña saudable.
Para os profesionais do sector, haberá un espazo B2B facilitado pola axencia de comunicación Mardy Bum, onde se impartirán charlas especializadas, como ‘Constrúe unha marca con personalidade no sector vegano’ e unha sesión de ‘speed dating’ o sábado 26, que conectará proxectos emerxentes con empresas consolidadas. O domingo, a charla sobre marketing de influencers para marcas veganas axudará a proxectos emprendedores a potenciar a súa presenza nas redes sociais e a achegarse a un público máis amplo.
Espazos de lecer e puntos de información
Na feira Vegana.gal tamén teñen cabida o lecer e a información. Esta edición repetirase o exitoso Skeirrum de hai dous anos, unha zona interactiva que ofrecerá diversión para os máis atrevidos. Ademais, haberá un punto de información nutricional a cargo de Nutricoles, onde os asistentes poderán resolver dúbidas sobre nutrición baseada en vexetais durante todo o día.
Así mesmo, haberá a disposición do público unha libraría co máis selecto da temática para as diferentes idades. Este espazo contará coa presentación de libros e sinaturas de autoras como Rocío Cano, Cristian Alonso (@lapastanoengorda), Manel García (@addictedtohumus) ou Miquel Cuenca (@elveganomarrano). Tamén se habilitará un espazo con actividades de xogo libre para bebés, co obxectivo de ofrecer unha experiencia accesible e cálida para familias. A feira pecharase o domingo 27 ás 20:00, tras dous días de aprendizaxe, activismo e celebración dun estilo de vida vegano e sostible.
Programación