VIALIA
REVISTA MARZO

A Sala Ártika presenta toda a súa programación do que resta de ano

Un dos espazos locais de referencia nas artes escénicas, a Sala Ártika, presentou esta semana toda a súa programación para o que resta de 2021. En total pasarán polas táboas do teatro situado en Beiramar 33 compañías con 75 representacións, moitas delas enmarcadas nos festivais Comediártiko, Galicreques e Pequeártiko.

Banner A Movidiña
Fernanda e Marcos, xerentes da Sala Ártika | P. Vázquez

Nin unha pandemia pode tumbar a forza do teatro. A Sala Ártika, aberta hai sete anos, permanece en pé a pesar das dificultades, cunha programación variada, de calidade e para todas as idedes. Ademais do seu gran labor como exhibidores e como compañía teatral, o universo da Ártika abarca a formación, as residencias artísticas e ofrece un lugar de ensaio para outros grupos. Outra das características da sala é a súa aposta polo público infantil, propoñendo unha maneira lúdica e cultural de divertirse e de crear canteira.

Este mes de setembro, e ata comezos de outubro, estarán inmersos no Festival Pequeártiko, onde poderemos ver os espectáculos Chispis Woman (10, 11 e 12), 12 uvas, 2 mulleres e unha oliva (16 e 17), Trogloditas (18 e 19), La cantante calva (24 e 25) e Dúo Vaguedades (1, 2 e 3 de outubro). Despois teremos a peza arxentina Los abrazos huecos (8, 9 e 10 de out.) xusto antes de dar comezo o XXVI Festival Galicreques, que entre o 9 e o 17 de outubro traerá os mellores espectáculos de monicreques, marionetas e demais seres (tanto para adultos como para nenos) con compañías de Perú, Ecuador, El Salvador ou Arxentina. O mes rematará con Bravas (22, 23 e 24) e Repoker de Ases (29, 30 e 31)

Novembro continúa co espectáculo infantil Veoleo (6 e 7) e con dúas estreas: a portuguesa Fogo-fátuo (12, 13 e 14) e galega Cariño (19, 20 e 21). Pechamos o mes cos cántabros Del otro lado e iniciamos decembro con tres pezas enmarcadas no Circuito de la Red de Teatros Alternativos: M.A.R. (2 e 3), Blowing (5 e 6) e Anatomía del sentimiento (11 e 12). Para pechar o ano chega o VII Festival Pequeártiko con Emoticolors (18), A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza (19), Dominutivo (20), Ph-ízate (21), Nino & Mambrú (22), A nena que vivía nunha caixa de mistos (23), A gran viaxe (24), Cartoons (26), Frida: la niña que quería pintar (27), Chucho (28) e un máis por confirmar o día 29.