CAMELIAS MASCOTAS

Llerena Perozo: “Hai que escribir desde unha mesma, incluso a ficción máis fantasiosa, pois iso dá veracidade”

Tentar vivir en comuñón cos valores que defendes semella por veces unha odisea, mesmo unha utopía. Llerena Perozo Porteiro (Vigo, 1974) habita nun soño cumprido dende o 2020, nun proxecto vital e social de volta á natureza, ao rural e á cultura: A Gargalleira. Esta experiencia de vida, á que chegou grazas ao seu activismo ecofeminista, fai posible que poida ter máis tempo real para o que de verdade importa. Este ano sorpréndenos con Os anos tranquilos, un libro histórico que percorre a andadura polo mundo de María García, unha muller valente, forte, e que foi capaz de soster a vida coas mans. Colaboradora regular en medios de comunicación, publicou tres obras de divulgación sobre igualdade e ecoloxía, varios libros destinados ao público infantil e xuvenil, así como a novela Pérez. Historia dun triunfo (2021).

Llerena Perozo Porteiro | P. Vázquez

Comprendo a asociación, desde logo, e concordo en que nas dúas novelas as protagonistas son grandes mulleres. Porén, os seus patróns, sendo ambas transgresoras coas normas sociais dos seus tempos, son opostos. Penso que Ana Karenina representa a dependencia emocional e María García, a protagonista e narradora de Os anos tranquilos, xusto o contrario.

Xorde unicamente da vontade de narrar, de contar, de fabular. Do gozo que me proporciona escribir. E fúndase en grande medida no que aprendín na infancia nunha crianza en tribo por nai, pai, dúas avoas e dous avós. Na nosa familia hai e houbo grandes contadoras e contadores, alén da escritora e o escritor, que ademais viviran feitos transcendentes e interesantes. O meu avó paterno era un contador oral espectacular, o meu irmán é guionista e director. En canto ao que refires acerca do “visual” da narración xa mo comentaron algunha vez, tamén coa anterior novela. Non son quen de escribir capítulos longos e disque esa brevidade fomenta unha lectura máis dinámica. Se cadra, ten que ver co meu paso profesional polo audiovisual, onde lin moitos guións e mesmo escribín algunha curtametraxe e, por suposto, con que pertenzo a unha xeración que medrou coa tele e as películas, cos puntos de xiro trepidantes e os finais “en alto” das sagas e as series.

María representa, no meu universo emocional e narrativo, ás mulleres de orixe rural do século XX. Coñecín algunhas historias de vida incribles, varias delas na casa. Non foron mulleres que pasasen aos libros de historia, mais, sen elas, nós agora non seríamos como somos nin gozaríamos de moitas liberdades e avances. Elas facían por intuición, por supervivencia ou por sentido común, pero abriron case todas as portas.

Llerena Perozo Porteiro | P. Vázquez

As mans representan o traballo, a determinación, a capacidade para saír adiante. Tamén, que sempre temos un recurso en nós mesmas, mesmo cando todas as opcións semellan esgotadas. As mulleres como María sabían coser, cociñar, coidar, sandar, arrolar, limpar, asistir un parto… e dise delas que non tiñan coñecementos. Todos eses saberes e máis, residen nesa metáfora das mans. Por outra banda, agora que non está ben visto envellecer, un dos sinais do paso do tempo máis difíciles de disimular no físico é o das mans. Aí vese a verdadeira persoa, a súa idade real. Tan só ollándoas, podemos deducir moitas cousas acerca da existencia vivida pola súa propietaria ou propietario.

Sorpréndeme moito esta pregunta, vaia ollo! Si, hai un chisco a Luz Fandiño. Ela contoume unha vez como quedou na rúa en Buenos Aires, acabada de chegar, sen cartos nin casa nin nada, sendo case adolescente. Esa historia quedoume gravada e quixen introducila, en parte, na biografía de María, que é un “Frankenstein” de varias mulleres reais. A procura da cultura, o degoiro por saber, por atopar respostas ás súas preguntas, é un factor común a todas elas. Aínda que María tamén ten a súa parte inventada, que é grande. Acontéceme que, segundo vou escribindo, os personaxes van adquirindo nesgos e vida propios. Esta muller en concreto deume bastantes problemas, porque eu pensara nunha serie de desgrazas e atrancos pero, cando me poñía a teclear, ela saía de todos. Houbo momentos, incluso, frustrantes.

Ao cento por cento. As palabras son todo. Son a chave para saír de case calquera sarillo, crean a realidade, interprétana e incluso a reelaboran. E os libros son a casa grande das palabras, un recurso imprescindible. O mesmo que a creación literaria foi o espazo de liberdade para moitas mulleres grazas a que só era precisa unha mínima alfabetización, unha pluma e papel, a lectura foi a fonte de coñecemento para moitísimas máis. Tamén para os homes pobres que desexaban saír da miseria. E aí, a Segunda República foi un punto de inflexión que coido se está a esquecer na narrativa presente. María, sen querer, por puro instinto, descobre isto e dá cunha chave que lle permite saír adiante e gozar da vida.

Llerena Perozo Porteiro | P. Vázquez

Hai unha mestura nisto. Por unha banda, hai escenarios que coñezo a fondo, como a casa natal de María ou o lugar onde remata os seus días, e que teñen un valor especial para min. Outros coñecinos de paso e, por suposto, en épocas diferentes ás da novela, como Madrid, Buenos Aires, París ou La Habana. Tamén tiña bastantes referencias da vida da miña avoa e o meu avó maternos acerca deses lugares en épocas máis achegadas ás da novela. E logo hai sitios, como Norte América, que non pisei. Así que onde non tiña recursos propios procurei contexto e referencias históricas en libros, internet e filmes. Tamén en canto á tecnoloxía (os coches, os avións, a radio e a televisión…) e os usos da época. Foi divertido. Documéntome a medida que vou escribindo e decote acontece que na investigación aparecen datos que me inspiran pasaxes ou xiros narrativos.

Penso que hai que escribir desde unha mesma, incluso a ficción máis fantasiosa. Iso dá a pátina de veracidade necesaria. A emigración é parte do meu ADN, do acervo familiar. Non busquei como contala, só relatei unha parte do que sabía tal como me foi transmitida. É certo que desde sempre me resultou rechamante o contraste entre a maneira de falar desa experiencia de quen a viviron e como se romantiza ou deosta no discurso colectivo, pero a verdade é que non era un obxectivo cando escribín. Polo menos, non consciente.

A medida que unha medra, revisa a memoria e a si mesma. Poder ollar cara atrás achega unha perspectiva imposible cando estás no fragor do momento. Isto permite que María, ademais de narrar a crónica da súa existencia, poida reflexionar acerca de cuestións importantes e que, cando menos, eu acho interesantes. Por outra banda, escribir en primeira persoa era un reto que tiña pendente. A narración non omnisciente e subxectiva crea oportunidades que me apetecían moitísimo.

Que bonito é ouvir iso. Que conste que non é algo premeditado: esas voces aparecen e cobran vida porque me interesan. Como che dicía hai un anaco, só podemos escribir desde nós mesmas, e iso inclúe falar sobre asuntos ou personaxes que nos incumben, que atravesan as nosas emocións e conflitos. A literatura achega unha barbaridade. E, dentro do ámbito literario, a ficción ten un súper poder: consegue una intensidade de identificación e empatía que, segundo a miña experiencia, non se alcanza noutro tipo de escrita, coma o ensaio ou a divulgación.

De momento, non. As que eu coñecía, que son das que migraron no tempo de María, xa non están connosco. Si que recibín algunhas mensaxes de mulleres, máis novas, das que fixeron o camiño inverso, que migraron desde América e agora viven en Galicia, e doutras, fillas e netas das emigrantes, que a leron na outra beira atlántica. É fantástico que lean en galego. Estas si que me dixeron que se identificaron en boa parte con esa faceta da novela. O que podo concluír é que son historias que mudan pouco ou nada no esencial.

Por suposto. O que estamos a facer na Gargalleira o meu compañeiro e mais eu é, basicamente, tentar vivir como desexamos no canto de facer o que se agardaba de nós. Agora confiamos en dispoñer polo menos dun cuarto de século máis para esta segunda vida. O piar esencial é saír do sistema produtivo e de consumo, tender á sustentabilidade enerxética, alimentaria e económica, é a consecuencia desa pretensión ou o xeito que nós atopamos para facelo. Por exemplo, a enerxía eléctrica que empregamos provén unicamente do sol (malia que nos encantaría poder empregar tamén a hidráulica. Se cadra, algún día…).

REVISTA NOVEMBRO

Como somos incapaces de mirar só por nós, este proxecto vital ten unha faceta social. Pretendemos amosar con feitos que o noso obxectivo non só é viable senón que ademais é unha boa idea de cara a redistribuír o mapa demográfico e mais a paliar o cambio climático. Dedicamos parte do noso traballo a axudar a outras persoas a atopar solucións semellantes, outra parte a xerar actividade cultural e formativa aquí e outra a divulgar. Desde hai ano e medio estamos a desenvolver un novo proxecto dentro da Gargalleira que vai ser o aglutinante de todo este discurso, mais vai amodo. Con sorte, de hoxe nun ano abrirémolo ao público. Por último, teño que sinalar que, se podo escribir, é grazas a esta vida, a de agora,  a lenta, e a que teño un compañeiro que se ocupa de todo cando as historias se apoderan de min. É o meu mecenas privado, quen me prové do máis valioso: amor, espazo e tempo.

Tensi Gesteira
Crítica literaria