CAMELIAS MASCOTAS

Os templos da sétima arte: pasado e presente dos cines de Vigo

Cine Royalty, na rúa Velázquez Moreno | Arquivo Pacheco do Concello de Vigo

Para os que xa van peiteando canas é unha lembranza case esquecida e para os máis novos soa a ciencia ficción, pero houbo un tempo en que Vigo tiña salas de cine en case cada barrio, con nomes propios como Caramuxo, Disol, Goya, Palermo, Plata, Ronsel, Rosalía, Roxy, La Barxa, Maravillas, Mary, Niza ou Norte. Tan só no Calvario chegou a haber ata tres cinemas operativos ao mesmo tempo. A chegada da televisión en cor primeiro e as salas múltiples dos centros comerciais despois foron provocando que a maioría acabasen por baixar a reixa por última vez. Moitos daqueles templos da sétima arte foron ademais vítimas da picaraña, polo que hoxe unicamente sobreviven na memoria e nas escasas fotografías que circulan pola rede ou que se manteñen en diferentes arquivos.

Gran Teatro Circo Tamberlick, na rúa Eduardo Iglesias | Arquivo Pacheco do Concello de Vigo

O primeiro local en acoller o pase dunha película en Vigo non foi un cine, senón un teatro; concretamente o Gran Teatro Circo Tamberlick, situado na actual rúa de Eduardo Iglesias, onde un grupo de cinéfilos portugueses programaron o 29 de abril de 1897 unha serie de curtametraxes francesas. Nos seguintes anos, segundo nos conta o arquitecto José Antonio Martín Curty, autor do libro Cines de Vigo, era habitual que na alameda da praza de Compostela se colocasen pequenas carpas, similares ás dos circos, onde se proxectaban curtametraxes. Algunhas eran simplemente proxeccións de pasaxes en tren e, para darlles máis vida a estas viaxes ilusorias, os traballadores do cinema ambulante vestíanse de ferroviarios.

O cine sonoro chegaría o 14 de marzo de 1930, novamente ao Teatro Circo Tamberlick, coa longametraxe The Singing Fool (Lloyd Bacon, 1928). En 1916 inaugurouse na rúa de Velázquez Moreno o Cinema Royalty (logo chamado Cinema Vigo, debido á alerxia das autoridades franquistas aos estranxeirismos), que foi o primeiro espazo da historia viguesa en exercer unicamente como sala de cine ata que foi demolido en 1963. Seis anos despois, tras catro anos de inactividade, o seu veciño o Cine Odeón correría a mesma sorte tras medio século de actividade inaugurada en 1917. Non é casualidade que ambos atentados patrimoniais se enmarquen en pleno desarrollismo e durante o mandato do alcalde franquista Rafael Portanet. Ambas construcións están asinadas polo arquitecto Álvarez Reyero, malia que popularmente se adoita pensar que o responsable foi o célebre Michel Pacewicz, debido á semellanza de estilo co resto da súa obra.

Actual rúa de Urzaiz, co Cine Odeón á esquerda | Arquivo Pacheco do Concello de Vigo

Estas son algunhas das moitas anécdotas cinéfilas que se atopan nas rúas de Vigo. Unha cidade que, sen ser de referencia neste eido, ten moito que contar ao respecto. Non podemos obviar a pegada que aquí deixou Isaac Fraga Penedo, que tan de actualidade está nos últimos meses debido á recente compra do seu icónico Teatro Cine por parte da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. A obra recaeu no madrileño Luis Gutiérrez Soto, autor dalgúns dos cinemas máis salientables da capital española. Desde a inauguración en 1948 e ata o peche en 2001 —cun incendio de por medio en setembro de 1988—, foi unha das salas máis grandes de España (1.758 localidades) e, nos seus mellores anos, un dos cines máis luxosos de Europa. Do 23 ao 26 de novembro de 1989 acolleu as xornadas Cinegalicia, onde se proxectaron as tres primeiras longametraxes galegas —e en galego— de ficción e formato estándar: Continental de Xavier Villaverde, Urxa de Alfredo García Pinal e Carlos A. L. Piñeiro e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. O comisario foi o crítico, escritor e mestre Miguel Anxo Fernández, carballiñés como o amentado Fraga.

Fotograma de Sempre Xonxa

A chegada dos multicines, máis prácticos e con maior oferta, foi o principio da fin do coloso, que acabou por sucumbir o 28 de xuño de 2001, con Lara Croft: Tomb Raider (Simon West), The Mummy Returns (Stephen Sommers) e Una noche con Sabrina Love (Alejandro Agresti) en carteleira. Para comprender a magnitude do imperio de Isaac Fraga, cómpre sinalar que chegou a ter cinemas en oito urbes galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo), entre outras repartidas pola zona do noroeste español. Ademais do Teatro Cine Fraga, en Vigo era propietario das outras tres grandes salas da cidade: Cine Odeón, Teatro Circo Tamberlick, e Teatro García Barbón.

Como se ve, a vida das salas nunca permaneceu inmutable no tempo; o Teatro Cine Fraga está inmerso nun proceso de cambio que aínda non sabemos cara a onde o vai levar, namentres que o espazo do antigo Cine Vigo, situado na rúa de López de Neira, anunciou que reabrirá cunha nova actividade. Detrás desta última aventura está, entre outra xente, Ana Belén Magdalena, responsable tamén da Sala Kominsky. Proximamente teremos novas dun proxecto cultural que promete ser apaixonante.

REVISTA NOVEMBRO
Teatro Cine Fraga, na actualidade | P. Vázquez

Un dos negocios que de xeito indirecto propiciaron a caída do Cine Fraga foi a inauguración en 1982 de Multicines Norte, unha iniciativa empresarial de Antonio Vázquez, grande amante do cinema. Máis de catro décadas despois da apertura, a filosofía das salas permanece ofrecendo cinema de autor, cine independente e preferencia pola versión orixinal subtitulada. Na actualidade son a única sala destas características que permanece en activo na cidade, coa particularidade de estar situada a escasos metros da multisala máis nova e moderna de Galicia. María Arias, que leva unha ducia de anos traballando nos Norte, é na actualidade a responsable de organizar a programación semanal e de que todo funcione correctamente. Ao contrario do que acontece nas grandes salas, nas que o público máis habitual é infantil e xuvenil, esta profesional recoñece que o seu é un público maior e particularmente feminino. Tamén hai xente nova interesada no cine independente, mesmo entre a rapazada que acode en visitas guiadas de centros educativos. «Intentamos dar cabida a todo tipo de públicos», resume María, que engade: «Moita xente de fóra de Vigo vén ver cine aquí, porque nas súas vilas non hai; cinéfilos hai en todas das partes». A pandemia da Covid-19 golpeou duramente as salas, que aínda están a recuperarse. «Espero que este sexa o ano da remontada. Resistimos á televisión, aos videoclubs e ás plataformas dixitais. Pouco a pouco, pero con paso firme, o público volverá ás salas», conclúe Arias con optimismo.

Multicines Norte | P. Vázquez

A chegada de Netflix a España en 2015 mudou as regras do xogo. Ata ese momento, quen quería ver unha obra cinematográfica de estrea tiña que acudir ás salas —ou recorrer á piratería, tan en auxe hai unha década—. Agora, pagando unha cota mensual, temos numerosas plataformas e unha inxente cantidade de películas e series nas nosas pantallas caseiras. Parece un panorama bastante complicado para os cines, mais non todo o mundo o ve baixo o prisma do pesimismo, como apunta Miguel Anxo: «Percibo certo cansazo da xente co streaming. As plataformas están empezando a verlle as orellas ao lobo; son demasiadas, teñen moita oferta chafalleira e ademais están empezando a meter publicidade. Sen contar o tempo que perdes facendo zapping para decidir que carallo ves, empezando unha peli e despois pasando a outra… Todo iso provoca un desgaste psicolóxico e mesmo emocional». Ademais de ofrecer mellores condicións de luz, imaxe e son, acudir a unha sala de cine supón unha actividade social que permite gozar plenamente da sétima arte. O obxectivo ao sentar na butaca segue a ser o mesmo de sempre: abstraerse da vida cotiá e sorprender a través da gran pantalla. Así o fixeron os nosos devanceiros aquel histórico 29 de abril de 1897 no Teatro Circo Tamberlick .

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.