Crónica do Underfest Xacobeo, unha bendita loucura festivaleira
O concerto de Él Mató a un Policía Motorizado foi o ramo da sétima edición do Underfest Xacobeo, un festival diferente que aposta polas salas e auditorios e por artistas pouco habituais neste tipo de eventos musicais. Músicos grandes, medianos e pequenos percorreron os 12 escenarios ao longo de cinco xornadas para ofrecer un amplo abanico de estilos e sons.
O festival Underfest Xacobeo non é o máis doado de seguir: dúas fins de semana de programación, 12 espazos, diferentes tipos de entradas (abono, diaria e individual), mestura de salas pequenas e grandes auditorios e horarios que se publican a última hora. Supoñemos que é consecuencia da ambiciosa proposta da promotora local Sweet Nocturna, que neste proxecto tan persoal insisten en ir á contra dos tempos actuais.
O risco é evidente e ten as súas consecuencias. Positivas, como ofrecer un festival único en Galicia con artistas nada habituais e moitos talentos por descubrir; e negativas, como certas propostas que baixan o nivel xeral do evento, un certo caos organizativo e algúns concertos con menos asistencia da debida. Con todo, a mera existencia do Underfest é un éxito para a escena festivaleira galega e viguesa, tan pobre nese aspecto.
Venres 13
Falemos de música. O festival inaugurouse o venres 13 cun triple concerto. O primeiro foi Finnegan Tui, un artista neozelandés que sorprendeu ao público do Auditorio Municipal coa súa habilidade á guitarra e a orixinalidade da súa proposta. Abriu o concerto de Fink, artista británico dunha longa traxectoria como DJ, produtor e compositor que no noso país non é demasiado coñecido. O seu concerto en formato dúo foi dunha delicadeza abraiante, se ben é certo que despois dunha hora tanta reverb empezaba a facerse bóla. Moito máis animada foi a actuación de Stone Foundation, banda británica de soul con 25 anos de carreira que soa en directo coa precisión dun reloxo. Eses ventos e eses ritmos do septeto non deixaron cadeira sen menear na Sala Masterclub.
Venres 20
Unha semana despois, outro grupo con ventos impoñentes tamén fixo diabluras no Museo Marco. Falamos de Tito Ramírez, que ofreceu un dos mellores concertos do festival. Acompañado por seis músicos, o hipnótico artista organizou un aquelarre tropical de rythym and blues, mambo e boogaloo que fixo suar ata ao cadros pendurados das paredes do museo. A climatoloxía inestable privounos de desfrutar deste show demoniaco no exterior do edificio, con toda a rúa do Príncipe bailando sen control. Falabamos antes dos riscos de facer unha programación tan ecléctica: con Sistema de Entretenimiento a moeda caeu no lado da cruz. Un grupo de punk maquinero predecible, simple, repetitivo e cun son pobre en directo que intentou colarnos a mesma canción de dous minutos durante unha hora. Un revival da movida madrileña que ninguén pediu e no que iso de “menos é máis” non se aplica. Non queda outra que recoñecer o erro de ter optado polo trío catalán en lugar de achegarme á Casa de Arriba a escoitar a The New Raemon.
Entre medias, o músico local Oscar Avendaño presentou o seu primeiro libro, Lo tengo en vinilo, nunha Galería Maraca ata arriba. Espazo, por certo, que acolleu unha interesante exposición de carteis de concertos dos deseñadores británicos We Three Club, e que aínda se pode visitar. O colofón da noite foi un dos cabezas de cartel do festival: Gigolo Aunts, banda norteamericana de power pop que se despedía dos escenarios tras máis de catro décadas de actividade. A cousa non empezou ben: o son na sala era malo, coas guitarras inexistentes e unha batería que solapaba todo o demais. Houbo quen se achegou a falar cos técnicos de son para informalos de que aquilo non ía ben. O son mellorou e o público xa puido desfrutar das cancións dos estadounidenses, que convenceron aos fans pero, penso, deixaron un pouco fríos aos que non vivimos aquela época de auxe do power pop.
Sábado 21
A programación do sábado comezou xa de mañá: a presentación do interesante libro Piedra contra tijera. Historia del rock español 1991-2021, de Rubén González, con pequena actuación de Eladio Santos e Uka incluída; xusto despois, a escasos 150 metros, actuou a artista local Sanny en Discos Elepé. Xa de tarde, a compositora chilena I.O. fixo reverberar os seus sons nebulosos polas paredes do Marco. O pontareán Santi Araújo tivo a difícil papeleta, non só de abrir para Richard Hawley, senón de facelo nun auditorio cun contínuo tránsito de persoas buscando as súas butacas.
Xa con todo o mundo no seu sitio saíu a escena Richard Hawley, gran cabeza de cartel desta edición, acompañado por un guitarrista. O británico, exmembro de Pulp, fixo unha fermosa actuación de principio a fin, mostrándose moi próximo ao público e facendo acertados comentarios entre cancións. Tivo a elegancia de lembrarse de Araujo durante o show e de agradecerlle ao público a súa educación e atención (con pulla incluída ao público de Santander, polo visto moi falangueiro). Resulta ata triste que un músico teña que agradecer ao público que non fale durante o seu concerto, pero así están as cousas. Do Salesianos baixamos rápido á Kominsky, pois o quinteto francés Chester Remington apuntaba maneiras. E así foi: o outro gran concerto deste Underfest foi o destes rapaces, a medio camiño entre o garage, grunge, rock alternativo e psicodelia. Volvemos ao do risco: por descubrirlle ao público un grupo tan divertido paga a pena organizar un festival así de diferente, do mesmo xeito que aconteceu o ano pasado, nesa mesma sala, con Los Mejillones Tigre. Os norirlandeses Ash foron os encargados de pechar a xornada do sábado na Sala Masterclub. Concertazo do trío de rock, que despregou riffs poderosos e cancións enérxicas ao longo de case hora e media.
Domingo 22
Chegados a este punto xa sabemos que o Underfest Xacobeo non é un festival normal. Como tampouco o é pechar un festival un domingo a media tarde nun teatro como o García Barbón. Pero benvidas sexan estas loucuras. Jero Romero, exintegrante de The Sunday Drivers, presentouse en formato dúo agradecendo ao festival que sexa así de “raro”. Acompañado de Amable, un fantástico guitarrista, repasou a súa discografía en solitario, formada por tres álbumes.
O prato forte da xornada, e un dos do festival, era o concerto dos arxentinos Él Mató a un Policía Motorizado. Resulta curioso como un grupo con tan pouca presenza escénica e carisma é capaz de xerar unha conexión tan forte co seu público. Moitos sufriron nas butacas por non poder poñerse en pé a bailar. Cun espectáculo de luces epiléptico, encheron de guitarras e sintetizadores o interior do histórico auditorio. Gran concerto dos de La Plata, que poñían a guinda a este particular evento que agradecemos teña lugar na nosa cidade, malia o inexistente apoio por parte do Concello de Vigo.
Outro dos puntos interesantes deste festival é que, como nun videoxogo, cada espectador decide que camiño tomar. Estes foron os concertos aos que nós acudimos, mais quedaron outros moitos por escoitar: Mentah, The New Raemon, Beta Máximo, La Cendejas, Alarido, L’Objectif, Cosmic Wacho, La Milagrosa, Espineli e André Busker Neves. Nos próximos meses teremos dous concertos internacionais máis do festival, dentro do seu ciclo Bites: Jack Broadbent, o sábado 12 de outubro, e Red Kross, o 2 de novembro.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024