A nova edición do Festival Kerouac rende homenaxe ás mariscadoras
O Festival Kerouac, o evento de poesía, performance e música organizado por Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez, celebra a edición número 14 do 24 ao 26 de outubro.
Os organizadores do Festival Kerouac acaban de presentar o cartaz da 14 ª edición, deseñado unha vez máis pola artista plástica Vanesa Álvarez, co-organizadora deste evento poético xunto a Marcos de la Fuente. Na ilustración deste ano Vanesa quixo render homenaxe ás mariscadoras, poetas do mar.
O Festival Kerouac reunirá do 24 ao 26 de outubro a destacados nomes da poesía tanto a nivel internacional, nacional como galego e local. Desde os inicios os organizadores querían co Kerouac (que leva este nome porque se celebra no aniversario da morte do poeta estadounidense) “baixar a poesía dos pedestais e levala á rúa”. Por este motivo, o evento realiza os recitais e performance en diferentes espazos da cidade. Como é habitual tanto o Museo Marco como o Corte Inglés acollerán algunhas das actividades propostas polo festival. Como novidade, este ano a sesión inaugural do festival terá lugar na Escola Oficial de Idiomas o xoves 24, cunha actividade na que participarán alumnos da EOI.