O TerraCeo volve á terraza co concerto de Rebeliom do Inframundo
Hoxe resolveuse unha das situacións máis estrañas no ámbito cultural vigués dos últimos anos: o Festival TerraCeo xa pode, por fin, programar concertos na terraza do Auditorio Mar de Vigo. Os encargados de estrear este ano o escenario exterior son os vigueses Rebeliom do Inframundo, que actúan este venres 21.
Hai algo máis dun mes enterabámonos, a raíz dun artigo de La Voz de Galicia, que o Festival TerraCeo non contaba cos permisos necesarios para realizar os concertos na terraza. Soa a chiste, pero esta estraña situación provocou o adiamento de varios concertos e o cambio de ubicación (ao interior do auditorio ou ao hall) dos que mantiveron a data inicial. Un dos concertos adiados foi o da banda local Rebeliom do Inframundo, que actúan este venres 21 no festival.
Este xoves, a un día da actuación, o festival confirmou que o concerto dos vigueses, que presentan o disco Amor ou barbarie, por fin terá lugar no exterior do edificio, coas fermosas vistas á nosa ría e ás illas Cíes. De feito, o portavoz do grupo municipal do PSOE Carlos López Font afirmou este luns 17 que o festival dispón da autorización pertinente desde o pasado 13 de xuño, polo que se presupón que os concertos de Christina Rosenvinge e The Jayhawks tiveron lugar no interior por cuestións climatolóxicas.
Lembremos que, segundo o citado artigo, “un informe da Concellería de Patrimonio sinala que descoñecían que había actuacións nese lugar”, malia que o alcalde da cidade Abel Caballero leve acudindo á presentación oficial do festival desde a súa inauguración en 2020. O TerraCeo se celebra nesa mesma ubicación desde o seu nacemento, como resposta municipal á falta de programación cultural en Castrelos e outros espazos por mor da pandemia da Covid-19. Sorprende que empregados municipais descoñecesen, ou afirmen descoñecer, a celebración dun festival con cinco anos de traxectoria nun espazo público.
Ata o momento o festival celebrou os concertos de The Rapants, Ángel Stánich, Niño de Elche, Christina Rosenvinge e The Jayhawks. Todos eles no hall agás o primeiro, que foi no interior do auditorio. De non haber máis cambios, a programación que resta terá lugar na terraza, agás por cuestións meteorolóxicas.
21/06 Rebeliom do Inframundo
19/07 Luis Zahera e Oswaldo Digón (monólogo)
20/07 José James
21/07 Tarque y la Asociación del Riff
26/07 Los Estanques
27/07 Ziggy Alberts
30/08 Niña Polaca
07/09 The Tallest Man on Earth
TBA Los Secretos e Pancho Varona
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024