Unha gran batea flotante invade a Porta do Sol ata xullo
Vigo é unha das sedes do TAC! Festival de Arquitectura Urbana, o que explica a presenza dunha gran batea no medio da Porta do Sol. O proxecto gañador, Qué faena(r)!, dos arquitectos madrileños Óscar Cruz e Pablo Paradinas, pretende reivindicar os oficios e a tradición local, e poderá visitarse ata o 14 de xullo.
O Sereo de Leiro ten un convidado inesperado estes meses de xuño e xullo. Como el, está inspirado no mar. E como el, seguro que tamén xera debate entre a poboación. Falamos de Qué faena(r)!, o proxecto gañador para o TAC!, o Festival de Arquitectura Urbana. Vigo é, xuntoa San Fernando (Cádiz), a sede da terceira edición deste evento de arquitectura innovadora, que busca repensar o espazo público desde a poximidade e a creatividade. Os madrileños Óscar Cruz e Pablo Paradinas son os responsables deste pavillón efémero, que estará no centro da cidade ata o 14 de xullo.
O proxecto, seleccionado nunha convocatoria pública que esta edición recibiu unha cifra récord de 127 propostas, propón un encontro entre natureza e artificio, tradición e mediación. Os materias cos que está realizada esta obra efémera son madeira erosionada polo sal, provista polo Aserradero Hijos de Vicente Suárez (preto de Finisterre); redes abandonadas no fondo mariño (da Asociación Redeiras Atalaia de A Guarda); bloques de granito rosa do Porriño (de Cabaleiro Nogueira SL); e madeira verde de eucalipto (de Frouma Atlantic Wood).
O resultado é unha batea xigante que semella flotar, da que saen uns grandes brazos nos que colgan redes de pesca vermellas. Todo isto está ben suxeito grazas ao contrapeso de diversos bloques de granito. A maioría destes materiais son reciclados, polo que gozan dunha segunda oportunidade tras ver cumprida a súa misión no mar. “Un proxecto de calidade arquitectónica que permite a versatilidade de usos do espazo, ademais de estar fundamentado nos principios da economía circular, proximidade e no uso de materiais sostibles de mínimo impacto co obxectivo de reducir a pegada ecolóxica”, dixo o xurado do festival.
Unha selección de 30 das propostas recibidas poderán ser vistas na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) nunha exposición gratuíta que está dispoñible ata o 14 de xullo, cun horario de 9:00 a 14:00 de luns a venres.
Proagramación de actividades
Ademais do proxecto Qué faena(r)! e a exposición de propostas, o TAC! programa multitude de actividades ao longo de xuño e xullo. A maioría non están relacionadas coa arquitectura, pero haberá roteiros, concertos, pasarrúas, charlas, danza, actividades infantís, obradoiros para maiores, xogos de mesa, etc. Preme aquí para consultar toda a programación.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024