Concertos con ‘pedigree’ no Festival de Cans: The Rapants, Combo Paradiso, Susana Seivane ou Nat Simons
O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición do 21 ao 25 de maio, contará cun completo cartaz de grupos e solistas de distintos estilos e tendencias: abrirán os locais Lontreira e pecharán os muradáns The Rapants, e polo medio gozaremos da música de Nat Simons, Susana Seivane, Combo Paradiso, Escuchando Elefantes, Su Garrido Pombo o u Haydn.
O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición do 21 ao 25 de maio, contará cun completo cartaz de grupos e solistas de distintos estilos e tendencias, entre os que destaca a presenza da banda de Muros The Rapants, o grupo galego de moda, xunto a outras bandas como Combo Paradiso ou Lontreira e artistas como Nat Simons ou a gaiteira Susana Seivane. En total haberá ata 25 actuacións con moita presenza feminina e de artistas que están a destacar especialmente nos últimos tempos. Como é habitual as actuacións de Cans apostarán pola música de baile e a diversión pero tamén haberá espazo para propostas innovadoras e vinculadas a propostas cinematográficas.
A banda muradana The Rapants pecharán os concertos a última noite do festival, o sábado 25. Cunha traxectoria de apenas seis anos xa se converteron nun fenómeno de masas en Galicia e en Cans presentarán os temas do seu novo disco La máquina del buen rollo co que están a obter un gran éxito con sold out en todos os seus concertos. En Cans tocarán de balde para o público do festival que poderá vivir unha gran festa como peche do evento.
A roqueira madrileña Nat Simons actuará tamén o sábado 25 no mesmo espazo. Malia a súa xuventude converteuse nun dos referentes da música americana en España e os seus concertos están cargados de enerxía. Presentará os temas do seu último disco Felinas. O cartel das actuacións no Espazo Estrella Galicia complétase coa presenza de Combo Paradiso o venres 24, unha superbanda formada en 2020 por Adrián Costa, Julián Maeso, Alberto Anaut e Juan Zelada que mistura estilos como o blues e o soul con ritmos latinos e presentarán en Cans o seu último disco, Todo bien todo el rato, que acaba de publicarse. Despois destas actuación centrais do venres e o sábado o Espazo Estrella Galicia albergará sesión de dj´s a cargo de The Incredíble Peón Kurtz DJ (histórico membro do grupo Def con Dos) e da galega Señora DJ.
A banda arousana Lontreira estreará os concertos no Torreiro –outro dos espazos emblemáticos do festival– o venres pola tarde coa súa mistura de música tradicional mesturada con electrónica. Antes da súa actuación haberá unha retrospectiva sobre os seus elaborados videoclips no cuberto de Mucha e Juan do Peso. Xa o sábado pasarán pola sesión vermú do Torreiro o grupo do Morrazo Mediarea, unha das sorpresas do último ano na música tradicional, e pola tardiña o farán os coruñeses Escuchando Elefantes, un dúo cunha xa longa traxectoria e que son capaces de tocar distintos estilos.
Susana Seivane e Su Garrido Pombo no invernadoiro
No espazo Invernadoiro Rei Zentolo de Juan e Mucha do Peso, que combina música e proxeccións audiovisuais, terá lugar o sábado a actuación da gaiteira Susana Seivane, que ofrecerá unha actuación especial para celebrar os seus 25 anos de traxectoria. Ademais, Seivane presentará en Cans a audiovisual “Son Seivane” dirixida polo realizador Xosé Antón Bocixa.
Polo mesmo espazo tamén pasará a cantautora Su Garrido Pombo presentando o seu proxecto Patios de Luz, que une a música e o cine nun documental dirixido por Fran Rodríguez Casal, que explora a relación da luz e dos espazos. Os concertos de Seivane e Garrido son os únicos de pago do festival (entradas a 5 euros) dado o aforo limitado a só 100 persoas do Invernadoiro.
Previamente a estas actuacións a artista Hydn será a encargada de actuar o xoves 23 na Noite Lasal, dedicada aos videoclips musicais, na Praza do Concello. Ademais o Festival de Cans está a traballar no peche do programa musical definitivo que inclúe outras propostas moi atractivas como a homenaxe ao acordeonista Kepa Junquera, que terá lugar o Dia dos Veciños no Jaliñeiro que levará o nome do músico vasco.
Últimos 40 packs da oferta de lanzamento
A venda dos packs de entradas do festival está a funcionar moi ben. Só quedan 40 packs de entradas –ao prezo promocional de 20 euros– que inclúen material de merchandising do festival e poden adquirirse na páxina www.festivaldecans.com. Na mesma web tamén poden atoparse as entradas a 5 euros para os dous concertos que terán lugar no Invernadoiro de Juan e Mucha do Peso, Su Garrido Pombo e Susana Seivane, na tarde do sábado 25 de maio.