ASNEVES
REVISTA MAIO

The Rapants, enerxía xuvenil desde Muros a Nigrán

The Rapants actúa este sábado 1 de xullo no Vive Nigrán da man de Vibra Mahou, compartindo cartel con artistas como Ojete Calor, Samantha Hudson, Los Enemigos, Morgan ou Nada Surf. Falamos con Xanma Louro, vocalista e guitarrista da banda muradá, sobre este intenso ano que están a vivir el e os seus compañeiros. Podes mercar aquí as túas entradas.

Xanma durante un concerto de The Rapants no EmigraSon, Bruxelas | P. Vázquez

Samuel e Xanma levaban toda a vida tocando xuntos en diferentes bandas de Muros. En 2018 decidiron xuntarse os dous “por aburrimento”, e como a cousa parecía que funcionaba, decidiron sumar a Matías e Xaquín á agrupación e chamarse The Rapants. A principal influencia musical eran os taméns muradáns Terbutalina co seu garage rock divertido e sen complexos, tal e como o plasmaron nos seus dous primeiros EP. Ao ano seguinte chegou Cariña de raposo, o seu primeiro longa duración, onde xa comezaban a afastarse un pouco dese son primixenio: “O garage era un estilo no que xa case todo estaba feito por Terbutalina e nós queriamos ter unha identidade propia”, comenta Xanma Louro.

A pandemia impediu que The Rapants despregase o seu estilo alegre polos escenarios galegos, pero eles non pasaron este período cos brazos cruzados: “Reflexionamos bastante sobre o estilo de música que queriamos facer. Iso foi o que máis traballamos como banda e é o froito que se ve agora no último disco”, explica. O corasón como un after é o último traballo discográfico do grupo, publicado este ano e que conta co apoio da sala viguesa La Fábrica de Chocolate. Nel os ritmos son máis frescos, bailables e apegadizos.

O seu estilo vital e enérxico está a conseguir atraer a moita xente aos seus intensos directos. Este ano xa levan sobre 15 e esperan poder alcanzar as 40 datas a final de ano: “A aceptación da xente, tanto da industria como do público, está a ser espectacular. Imos aproveitar as oportunidades que temos para seguir medrando”, apostila o vocalista e guitarrista. Un dos últimos concertos foi no festival O Son do Camiño, tocando o xoves ás 17:00 da tarde co sol pegando forte. Contra todo pronóstico, o concerto mostrou unha moi boa afluencia: “Agradecemos a acollida que tivemos tanto nós como outras bandas galegas: dani, Fillas de Cassandra, Galician Army…”, aclara.

En 2019 The Rapants gañou o concurso de bandas que organiza o festival vigués Revoltallo. Daquelas falamos con eles, e comentaban que “a profesionalización quédanos aínda moi lonxe” e que “esperaban que a precariedade do mercado cultural para as bandas emerxentes deixe de ser algún día un atranco”. En que situación se atopan actualmente? “Segue estando fodido pero estamos algo mellor que daquelas. Samu, Matías e mais eu deixamos todo para dedicarnos a isto porque era incompatible con outros traballos. Polo momento estamos entretidos, a ver o que dura”, finaliza con humor, non sen antes agradecer a axuda dos seus pais desde os inicios deste proceso.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.