REVISTA ABRIL

Thee Blind Crows, Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío, primeiros concertos confirmados do Wild Fest

Os pontevedreses Thee Blind Crows, os vigueses Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío, primeiros artistas confirmados da terceira edición de The Wild, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia. A programación completarase con actividades para toda a familia, desde The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos, ata obradoiros, charlas e eventos para os máis cativos.

REVISTA ABRIL
Foto de Arizona Baby actuando o pasado ano no The Wild Fest | P. Vázquez

The Wild, festival multidisciplinar que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, confirma os primeiros artistas que se subirán aos escenarios na súa nova edición: o trío pontevedrés Thee Blind Crows, os vigueses Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío. Nesta terceira edición, a música do país terá unha gran presenza. Así, poderase gozar do folk, pero tamén do blues punk da man de Thee Blind Crows e do rock con selo vigués de Stoned at Pompeii.

Juan de Castro, xestor cultural do festival, confirmou que proximamente poderían confirmar máis nomes, entre eles artistas estatais de gran envergadura. Deste xeito, The Wild Fest fai unha aposta por distintos estilos musicais e por facer un percorrido pola escena máis actual do panorama galego e estatal para ofrecer unha noite chea de música e máis unha sesión vermú. A xornada do sábado 4 de setembro abrirase co concerto en sesiób vermú de Susana Seivane Trío, que virá seguido dos Thee Blind Crows á tarde e os locais Stoned at Pompeii á noite.

Por suposto, o festival, un dos poucos que conseguiu saír adiante o ano pasado, continuará cuns estritos protocolos de seguridade co obxectivo de crear un espazo seguro. Máscaras, aforo limitado ou sentidos únicos de circulación son algunhas das medidas previstas para o certame, que completará a súa programación con actividades para toda a familia, desde The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos, ata faladoiros ou todo tipo de eventos infantís.