CAMELIAS MASCOTAS

A Editorial Elvira lanza a 11ª edición do certame de relatos Vigo Histórico

Hoxe foi presentada a onceaba edición do certame de relatos Vigo Histórico. O prazo para participar está aberto ata o 30 de xuño e, como sempre, Vigo debe ser un dos protagonistas das historias.

REVISTA NOVEMBRO

Máis de dous mil relatos foro presentados desde que en 2014 a Editorial Elvira lanzou a primeira edición do Certame de Relatos Vigo Histórico. Unha iniciativa que segundo explicou Javier Romero, director da editorial, foi idea de Carlos Oroza. Naceu da súa “obsesión sobre que a cultura nace na rúa, de xente anónima” co obxectivo de “dar un espazo onde expresarse aos escritores e escritoras noveis de Vigo, Galicia, España e incluso do estranxeiro”. Once anos máis tarde, podemos asegurar que o obxectivo está máis que cumprido. A autora do cartel desta undécima edición é Chica Atomika, unha ilustradora viguesa de 29 anos que reside en Madrid desde o ano 2012. Para esta ilustración, a artista inspirouse na estatua viguesa de A fada e o Dragón, situada no paseo de Afonso, que quere homenaxear aos poetas e trobadores medievais de Galicia.

Como sempre, o tema do relato é libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso. Admitirase un único texto por cada autor, en galego ou castelán, e cunha extensión máxima de catro páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). O prazo para a recepción dos traballos comeza mañá 11 de abril e finaliza o 30 de xuño. A comunicación dos gañadores, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa XI farase pública a comezos do outono e como é habitual, antes de que finalice o ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará o libro Relatos na Rúa XI, no que participará coas súas ilustracións o grupo Diseñatas, da Fundación Igual Art. Ademais da aportación de Diseñatas ao libro, a Editorial Elvira entrega un euro por cada libro vendido á Fundación Igual Arte.

O xurado composto por nove persoas ligadas as letras da cidade deciddirá os seis premiados como todos os relatos que formarán parte de Relatos na Túa XI. O primeiro premiado recibirá mil euros, o segundo 500 € e repartiranse catro accésits de 200 € cada un. O escritor Santiago Lopo incorpórase este ano ao xurado formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido; o editor Bieito Ledo; a escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo
Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago.