CAMELIAS MASCOTAS

Hey Hematoma busca resucitar o espíritu punk de Siniestro Total con tres dos seus exmembros

Os días 30 de abril e 1 de maio estréase en La Fábrica de Chocolate o grupo Hey Hematoma, quinteto local de versións de Siniestro Total formado por tres exmembros da banda: Miguel Costas, Javier Soto e Andres Cunha. As entradas para a primeira actuación xa están esgotadas e quedan menos de 50 para a segunda.

Miguel Costas durante o último concerto de Siniestro Total | P. Vázquez

A comezos de maio de 2022 a banda máis famosa da historia de Vigo, Siniestro Total, poñía fin a catro décadas de rock gamberro. Fíxoo, para a tristeza de moitos dos seus seguidores, en Madrid, con dúas noites nas que encheron o Wizink Center. Sobre aquel escenario estaban, entreo outros, Miguel Costas, fundador e cantante da banda ata 1994; Javier Soto, guitarrista principal desde 1985; e Andrés Cunha, batería nos últimos anos da formación. Estes tres músicos, xunto con Alberto Cunha e Chus da Silva, forman Hey Hematoma, un grupo recén formado que pretende resucitar o espíritu punk de Siniestro a través das cancións das súas primeiras etapas.

REVISTA NOVEMBRO

O grupo naceu despois do que Alberto Cunha considera un “final abrupto” de Siniestro. Xunto con seu irmán Andrés, Javier Soto e Chus da Silva forma a banda de versións de rock dos anos ciencuenta The Ol’ Boys. O último en subirse ao barco da nostalxia foi Miguel Costas, fundador e un dos líderes de Siniestro Total ata a súa partida por diferenzas artísticas en 1994. Así nace Hey Hematoma, cuxo nome escolleu o propio Costas porque non lle gustaban as outras opcións. Recordemos que o músico vigués, tras a súa saída de Siniestro, formou a banda Los Feliz e despois continuou baixo o nome de Costas, proxecto co que sigue tocando a día de hoxe.

Javier Soto no último concerto de Siniestro Total | P. Vázquez

Sobre o mentado fin de Siniestro, Javier Soto di que a decisión foi tomada de forma unilateral por Julián Hernández, líder e fundador da banda, o que deixou “desamparados” ao resto de músicos que formaban o proxecto. Polo tanto, a través de Hey Hematoma van seguir interpretando os grandes éxitos da banda viguesa centrándose nas primeiras etapas, isto é, ata a marcha de Miguel Costas. Aquela época, polo xeral a favorita dos seguidores da banda, está marcada por un estilo moito máis punk e rock que discos posteriores, máis escorados ao blues. Por enumerar algúns destes discos: Cuándo se come aquí?, Menos mal que nos queda Portugal, Bailaré sobre tu tumba, Made in Japan

A pesar das evidentes similitudes, desde Hey Hematoma insisten en que non son Siniestro Total, só unha banda de versión con algúns dos seus exmembros: “Siniestro Total non pode existir sen Julián”, di Soto ao respecto. Que non sexan Siniestro non implica que non despertasen o interese do público a través do boca orella, o que fixo que esgotasen as entradas para o concerto do 30 de abril en La Fábrica de Chocolate e habilitasen unha segunda data ao día seguinte, da que quedan menos de 50 entradas. Pódense mercar de xeito anticipado en La Reserva Rock, Pick Up Discos e o Bar Princesa.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.