REVISTA ABRIL

O FICBUEU lanza o primeiro dos seus cadernos de cinema

O festival Festival Internacional de Curtas de Bueu, o FICBUEU, que celebrou a súa pasada edición do 11 ao 19 de setembro, presenta a primeira entrega dos seus cadernos de cinema. Estes abordarán a fondo a Sección Retrospectiva do certame, creada a partir da edición de 2019. Ademais, a convocatoria de filmes para a súa edición de 2021 xa está aberta.

O proxecto Cadernos FICBUEU xorde en relación á Sección Retrospectiva, creada a partir do festival de 2019. Dita sección repasará cada ano fitos da historia das curtametraxes coa intención de poñer en valor a importancia do formato ao longo da historia do cinema. A primeira sección retrospectiva estivo adicada á Nouvelle Vague, proxectando as curtas máis destacadas do importantísimo movemento francés de mediados dos 50 e 60.

Co mesmo obxectivo de contribución á difusión da historia da curtametraxe co que naceu en 2008, e recollendo as pesquisas precisas para programar a sección retrospectiva, desde a Asociación FICBUEU elaboran o número 1 dos Cadernos, escrito polo subdirector do festival Severiano Casalderrey e que leva por título A “Nouvelle Vague” a través das súas curtametraxes (1956-65).

REVISTA ABRIL

Trátase dunha publicación bilingüe, en galego e inglés, que desde a Asociación distribuiron non só a institucións ou centros de formación e universidades relacionadas coa cultura cinematográfica de Galicia, senón tamén de España e Francia. Proximamente estará dispoñible para mercar na súa web, pero polo momento é necesario escribir a info@ficbueu.com para conseguir unha copia.

Na 14ª edición do FICBUEU, que terá lugar do 10 ao 19 de setembro de 2021 e cuxa convocatoria de filmes xa está aberta, presentarán o Caderno#2, adicado nesta ocasión ao National Film Board de Canadá que ocupará a Sección Retrospectiva deste ano 2021. A NFB é unha organización pública canadiense que ten o obxectivo de producir e distribuir películas para promover o país arredor do mundo.

O caderno presentarase o xoves 28 de xaneiro ás 19:00 na Casa das Campás, Pontevedra, en colaboración coa Vicerreitoría da Uvigo.