CAMELIAS MASCOTAS

Non todo vai ser reconquistar: Sinsal Primavera, Roberto Vilar e artesanía nesta fin de semana en Vigo

Esta fin de semana está marcada, sen dúbida, pola celebración da Reconquista, pero non é o único plan interesante que temos estes días. Deixámosvos outras alternativas de música en directo, monólogos, artesanía ou espectáculos infantís. Premendo no título de cada evento atoparedes máis información. Se queredes coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

A RECONQUISTA – De venres a domingo no Casco Vello – De balde

O evento central desta fin de semana. Se premes no título podes acceder á guía completa que preparamos sobre a celebración, con todos os datos de interese sobre os torreiros, actividades, vestimenta, horarios, cortes de tráfico e demais. Relacionado coa Reconquista temos os tours de Vigo Turístico, a actividade infantil da Reconquistiña no CC Camelias e o concurso de micrometraxes Vigo en 90 segundos.

SINSAL PRIMAVERA: DEAFKIDS – Venres ás 21:00 en Radar – Desde 10,00€

Sinsal pretende visualizar propostas singulares e únicas, podendo gozar dun cartel conformado, nesta ocasión, por bandas e solistas procedentes de Brasil, Estados Unidos e Alemania e que actuarán por vez primeira en Galicia. O 5 de abril, terá lugar o primeiro dos directos, que chegará da man de Deafkids, banda brasileira cuxa sonoridade transita entre o rock industrial, a psicodelia, o noise, o hardcore ou mesmo a música africana, entre outros moitos. Para Deakfids, todos os xéneros son benvidos para avanzar coa “desprogramación sónica” da mente. 

CONCERTO FROM – Venres ás 21:00 en La Pecera – Desde 8,00€

Igual que lles ocorre a todos os grandes músicos, a vida e obra de Fernando Romero (Asturias, 2001) móvense a toda velocidade. Baixo o heterónimo from, que é de entre as súas múltiples personalidades musicais a que mellor condensa as súas virtudes e a súa ambición, lanza o 5 de abril o seu segundo álbum, “MODELO PARA ARMAR”. Xira patrocinada por Girando Por Salas.

DÍAS DA ARTESANÍA – Venres, sábado e domingo en varias ubicacións – De balde

Galicia súmase aos Días Europeos da Artesanía, que se celebran do 2 ao 7 de abril , a través de actividades de divulgación dos oficios artesanais impulsados por máis de 60 talleres e outras entidades asociativas e centros de divulgación. O venres temos un roteiro polos talleres de diferentes artesáns e sábado e domingo diferentes obradoiros no Museo do Mar e no local do luthier Marcos Domato.

PAINT & WINE – Sábado ás 11:00 en Alaselva

Este mes de abril temos tres talleres de Paint & Wine na casa taller Alaselva. Este sábado, coas prazas completas, era a quenda de Antía Sánchez. O sábado 13 ‘Cuerpo y arte’ con Laura Álvarez e o 20 taller de ilustración de baleas con acuarela da man de Rena Ortega.

CONCERTO DIOIVO + DIOS – Sábado ás 20:30 na Sala Kominsky – Desde 6,00€

O dúo de metal en galego Dioivo dará un novo concerto na súa cidade natal, Vigo, acompañado esta vez da banda barcelonesa de death metal Dios. A banda viguesa conmemorará así unha das efemérides máis sinaladas no calendario da súa cidade. 

CONCERTO FAENNA – Sábado ás 20:30 na Sala Doppler – 13,00€

Faenna por primeira vez en Vigo, unha artista que deixou impresionados a todos co seu talento e soltura. Nos últimos meses, irrompeu con forza no panorama do rap en español e con tan só tres temas en solitario e varias colaboracións conseguiu converterse nunha das artistas revelación do ano.

CELEBREIXON – Sábado ás 21:00 no Teatro García Barbón – Desde 16,00€

Un espectáculo cheo de risas e moitas sorpresas no que Roberto Vilar celebra 30 anos pintando a mona na televisión presentando e acercando o seu humor ao público nunha sorprendente xira polos teatros galegos.

CONCERTO SUN IOU + PAULIÑA – Sábado ás 22:00 na Sala Rebullón – Desde 10,00€

REVISTA NOVEMBRO

SUN IOU é como se di na variante do galego falado en Goián. O nome é unha reivindicación da esencia deste proxecto nacido da man de tres amigos no barrio obreiro de Teis en Vigo. As melodías e letras xurden primeiramente no imaxinario creativo de Tamara Martínez, a música vai pasando pola peneira de Evaristo Alejos e coas súas aportacións van conformándose os temas.

‘O MUNDO MÁXICO DE PINOCHO’ – Domingo ás 12:00 e 17:00 no Teatro Salesianos – Desde 12,00€

En ‘O mundo máxico de Pinocho’, o público atoparase cunha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi. Unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará a Pinocho no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro intentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.