Talento exportado: cultura galega alén das nosas fronteiras
A falta de confirmar, como dicía aquela desafortunada canción, que hai un galego na lúa, si podemos afirmar que a emigración forma parte do ADN do país. A finais do século XIX e ata mediados do XX o movemento de persoas, primeiro a América e despois a centroeuropa, foi constante; tanto que se calcula que arredor dun 14% dos arxentinos son galegos ou descendentes destes. O fenómeno da emigración, aínda que poida parecer en branco en negro, continúa nos nosos días con diversas variacións. Falamos con cinco persoas que decidiron deixar a súa casa para labrar un mellor futuro e, de paso, espallar a nosa cultura polos seus novos lugares de residencia.
Karan Novo, desde Bruxelas: «Estamos facendo comunidade»
A familia de Karan Novo fixo uns cantos quilómetros polo mundo adiante antes de que el nacese en Vigo en 1997. Seu avó naceu na India, traballou en Uganda e Kenya, onde naceu súa nai, antes de instalarse en Londres. En 2020, ao terminar a carreira, Karan pasou pola típica crise existencial sobre que facer coa súa vida. Un amigo que se mudara recentemente a Bruxelas recomendoulle que fose alí, porque había traballo, bo tempo e as restricións por mor da Covid-19 eran máis laxas. «Só unha das tres cousas era certa, a do traballo», lembra. Nese aspecto, destaca que as condicións laborais son moi superiores ás que pode atopar calquera persoa nova en Galicia ou no resto de España. O feito de que sexa o centro da Unión Europea fai de Bruxelas un crisol de nacionalidades, o que se traduce en que «non hai un único modo de vida». Iso si, en inverno a vida social remata ás seis da tarde e os concertos ás dez da noite.
Segundo Karan, a vida cultural bruxelesa é moi activa e variada, e desde hai dous anos, isto foi a máis grazas a a un grupo de amigos galegos do que forma parte. O ano pasado puxeron en marcha EmigraSON, «o festival galego en Bruxelas», un evento musical que levou algunhas das súas bandas galegas favoritas a tocar na capital belga. Todo isto sen ter ningún tipo de experiencia previa no ámbito da produción de espectáculos. Atoparon os apoios necesarios en dous eurodeputados galegos: Ana Miranda (BNG) e Nicolás González (PSdeG). As máis de cen entradas que se puxeron á venda duraron uns minutos. Na segunda edición, celebrada a primeiros do mes pasado nunha sala con máis do triplo de capacidade que a da vez anterior, o resultado foi semellante: sold out nun cuarto de hora.
Os concertos de Grande Amore, The Rapants —que xa estiveran o ano pasado—, Lontreira, Ataque Escampe, Catuxa Salom, Aldaolado e Alumea foron un éxito absoluto e lograron levar un anaquiño de Galicia ao centro de Europa. «Creouse unha relación moi chula entre músicos, reporteiros, creadores de contido e a propia organización. Ver os migrantes emocionados durante os concertos énchenos de orgullo; estamos facendo comunidade», resume. Aínda é cedo para asegurar se haberá unha terceira edición, pero Karan ve o grupo con ganas e móstrase optimista ao respecto. «O noso obxectivo é lograr un festival familiar, pero hai que ir medrando aos poucos». Sobre se ten pensado retornar de xeito definitivo a Galicia, responde: «En cinco ou dez anos, non. Non quero xubilarme aquí, pero de momento estamos cómodos a pesar do clima e da comida», conclúe con humor.
Vanesa Álvarez, desde Nova York: «Aquí hai máis aceptación da arte na vida diaria»
Ao outro lado do Atlántico, entre impoñentes rañaceos, podémonos cruzar coa artista viguesa Vanesa Álvarez, que hai anos decidiu coa súa parella, o poeta Marcos de la Fuente, mudarse a Nova York. O motivo foi a sensación ter xa feito de todo en Vigo. «Pintei murais, fun profesora nunha escola de moda, rexentei unha tenda de zapatillas, tiven un estudio de deseño, levamos un local de ocio nocturno, creamos un festival de poesía… Para a cidade e para nós, era preciso cambiar de aires». Barallaron diversas opcións, como Madrid ou Berlín, pero foi a Gran Mazá a que gañou os seus corazóns despois dunha viaxe de inverno. A pesar do enorme cambio, o modo de vida de Vanesa é similar ao que tiña en Galicia. «Sempre vou ás présas, fago moitos plans, teño moito traballo e moita vida social… As distancias e a grande oferta obrigan a planificar as cousas con algo máis de antelación. O que máis boto de menos é a Ría de Vigo e a súa calidade de vida», explica.
A nivel cultural, opina, as diferenzas entre ambas as dúas cidades son, como era de esperar, moi grandes; sobre todo, no tocante á percepción das persoas que se dedican á arte e á cultura. «Aquí hai máis aceptación da arte na vida diaria e no eido empresarial», afirma. Como facía e segue a facer en Galicia de cando en vez, Vanesa dedícase a pintar murais, con rapazada de escolas públicas a través do grupo social Thrive Collective, en espazos públicos, ou en negocios privados. Adiántanos que o próximo verán vai pintar un mural no vello carril bici de Coia, inspirándose no que xa fixo o ano pasado na neoiorquina Union Square. Este último é, para ela, a súa obra máis importante e esixente, e non é de estrañar, pois falamos dunha pintura de máis de dous quilómetros de lonxitude no corazón de Manhattan.
Xunto coa súa parella, organiza o Festival Kerouac desde hai 14 anos. Co obxectivo de levar a poesía á rúa, a cousa empezou en Vigo; hai oito anos levaron a cabo a proposta á súa actual residencia e fixeron o propio na Cidade de México hai cinco. «Para nós é moi especial ese intercambio de poetas entre as tres cidade. En México é onde máis se nota que o festival medra exponencialmente e onde hai máis vinculación co audiovisual», conta. Cando ataca a morriña, Vanesa teno claro: «Imos xantar a Casa Galicia; cada domingo, esa sociedade convértese nun punto de encontro de galegos en Nova York». Cora Cabada, Cristina Pato, Juan Padrón, Isabel Pérez Dobarro ou Brais Revaldería son outros artistas galegos residentes na cidade estadounidense que sinala Vanesa.
Pablo Rodríguez e Andrea Méndez, desde Barcelona: «Sempre está o sentimento de querer volver»
Desde hai nove e seis anos, respectivamente, viven en Barcelona a compostelá Andrea Méndez e o vigués Pablo Rodríguez. Chegaron á Cidade Condal para faceren cadanseu mestrado, ela de optometría e el de enxeñería, pero acabaron quedando debido ás maiores oportunidades laborais que ofrece esoutra beira da Península. O clima e o tamaño da urbe son as principais diferenzas que atoparon respecto aos seus lugares de orixe, pero tamén o ritmo de vida. «Todo o mundo anda apurado, tes que planificar todo moi ben e normalmente chegas á casa ás tantas. Boto de menos poder quedar un día calquera a tomar algo cos amigos», relata Pablo, e engade que as grandes cidades, cheas de cousas que facer e de lugares apaixonantes, tamén esconden unha cara B: «Alucinei coa cantidade de xente que vivía na indixencia». A oferta cultural, como cabe esperar dunha das principais cidades do Mediterráneo, é inmensa. «Ao haber xente de tantos lugares do mundo, hai moitísima diversidade cultural», apunta Andrea.
Ambos os dous forman parte dunha asociación que contribúe a ampliar aínda máis a devandita diversidade, a Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), fundada en 2012, que ten a particularidade de se soster a través dunha estrutura horizontal autoxestionada, sen depender de institucións públicas e mantén unha constante renovación, dado que moita xente regresa a Galicia, pero outra nova chega a Barcelona. Entre as actividades recorrentes, atopamos clases de baile tradicional e pandeireta, contacontos, foliadas, proxeccións, presentacións de libros… A maioría destas actividades lévanse ao cabo na biblioteca e club de lectura Sabela Labraña, que dispón de máis dun milleiro de libros en galego.
O evento estelar é o Primavera Son —comparte nome cun coñecido festival barcelonés—, co que celebran as Letras Galegas. Ademais de clases de baile abertas e un polbeiro, actúan na edición deste ano Abril, Djaneiro e Terbutalina. Anteriormente contaron con artistas como Ataque Escampe, Habelas Hainas, Monolious Dop ou Sés. Cando lles preguntamos se teñen pensado volver a Galicia a curto a medio prazo, responden con rotundidade que si. «Toda galega ten sempre o sentimento de querer volver», di Andrea. Segundo Pablo, o principal motivo para querer retornar é que en Galicia hai unha mellor calidade de vida. «As grandes cidades poden estar moi ben, pero teñen un lado moi frío». E engade: «Nós agradecemos un ritmo máis relaxado».
Adriana Páramo, de Londres a Vigo: «En Galicia a industria segue a depender moito dos contactos»
Como non sempre se deu noutrora, as persoas que tiveron que emigrar puideron volver logo duns anos lonxe da casa. Así o fixo a viguesa Adriana Páramo, que recalou en Londres en 2008 para cursar un mestrado de cinema na London Film School e hai uns poucos anos decidiu cambiar o gris do Támesis polo azul da Ría. «Quería un cambio; estar máis preto dos meus e formar a miña propia familia aquí… Tomei a decisión entre o Brexit e a pandemia, pero non foron motivos para a escolla», explica. Adriana garda unha moi boa lembranza da década que residiu nas illas británicas, pero botaba de menos o xeito de socializar que temos nós en comparación coa frialdade londiniense. Aínda así, pensa que alá existe unha cultura do traballo moito máis positiva que a que temos en Galicia. «É moito máis fácil facer proxectos; aquí depéndese moito dos contactos, algo normal ao ser unha industria moito máis pequena», afirma.
Onde tamén percibiu moita diferenza foi a nivel cultural. «Cando chegas, queres acudir a todo, pero con tanta oferta non dás abasto», conta. Malia esa cantidade inxente de plans, Adriana botaba en falta ter máis acceso á cultura galega. Isto provocou que en 2015, inspirada polo grupo de Facebook «Galegos morriñentos en Londres», fundase o Galician Film Forum, un espazo de exhibición do cine galego con sede en Londres para poder ver películas galegas. «Daquela habías tres filmes galegos na carteleira española, e alí non se podían ver nin mediante a piratería», lembra.
Ese ano, un grupo dunhas sete persoas montou o primeiro evento da asociación, unha proxección de Encallados de Alfonso Zarauza e de dúas curtas de Álvaro Gago e Peque Varela. O acto funcionou moi ben, o que lle deu folgos á organización para continuar coa conexión cinéfila de Galicia co Reino Unido. 18 comidas (Jorge Coira, 2010), Al otro lado del mar (Eloy Domínguez Serén, 2022), Dhogs (Andrés Goteira, 2017), Mulleres da Raia (Diana Gonçalves, 2009) ou Tralas luces (Sandra Sánchez, 2011) son algunhas das películas que proxectaron non só en Londres, senón en Oxford, Cambridge e Dublín. Co tempo, a maior parte dos organizadores mudaron de residencia, o que reduciu a actividade do Forum. Con todo, seguen a argallar outros proxectos, colaborando coa Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) e creando «Letters from Galicia», a sección galega no London Spanish Film Festival.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024