CAMELIAS MASCOTAS

O vigués Alejandro Enríquez filma como nunca a Rapa das bestas

Este domingo estreose nos Cine Tamberlick o documental Rapa, do director vigués Alejandro Enríquez. O realizador, que tardou seis anos en completar o filme, narra todo o que acontece en Sabucedo durante o ano previo á celebración da famosa Rapa, co éxodo rural, o asociacionismo veciñal e o decrecemento poboacional dos cabalos como eixos principais.

Hai un dito que vén dicir que cando hai viño todo o mundo quere probalo, pero á hora de ir a vendimiar a predisposición non é a mesma. Algo similar acontece en Sabucedo: a primeira fin de semana de xullo miles de curiosos achéganse a esta aldea na que o resto do ano viven só 30 persoas, a maioría de elas de idade avanzada. Un dos veciños, aproveitando a presenza da cámara do documental Rapa, comenta que os que deberían ir ao monte son a xente nova, pero que xa non hai porque decidiron marchar de alí. Non hai reproche nas súas palabras, só pesar.

O director vigués Alejandro Enríquez conta que comezou a ir a Sabucedo porque un amigo tiña unha casa alí e ía dacote. Decatouse de que nesta pequena poboación da Estrada o calendario non é o mesmo que no resto de Galicia: o seu ano comeza e remata en xullo, coa celebración da Rapa das bestas. Malia que é un evento de sobra coñecido, que nos últimos anos espertou o interese de cineastas e medios tanto nacionais como internacionais, nunca antes se retratara dun xeito tan íntimo e próximo todo o que acontece o ano previo ao día grande. Alejandro decidiu facelo el mesmo.

Rapa é un documental coral no que o medio natural, as bestas e as persoas comparten protagonismo. Dentro dos humanos, a filosofía é a mesma: malia que algunhas persoas poidan destacar sobre outras, por carisma ou relevancia na organización da festa, o reparto é colectivo, sen protagonistas evidentes. Esta decisión axuda a coñecer a idiosincrasia da Rapa desde diferentes puntos de vista, con personaxes que van dos 11 aos 80 anos. Estes veciños encárganse, ao longo do ano, de vixiar as bestas, de evitar que entren en fincas privadas, de desparasitalas, de marcalas, de separar os machos (garañóns) e femias (bestas), etc.

Os conflictos son variados: por unha parte, debido á escaseza de herba na cima dos montes, os cabalos salvaxes baixan ao núcleo de casas e aprópianse dos pastos das vacas, o que fai que parte da veciñanza non lle teña moito aprezo a todo este asunto da Rapa. Desde a organización tamén láianse da pesadez do proceso burocrático que a Xunta de Galicia lles obriga a seguir, xa que a institución considera que eses cabalos teñen dono e están nun estado de semiliberdade. Como xa mencionamos, o éxodo rural tan común no resto de Galicia e de España é unha realidade en Sabucedo, onde cada vez hai menos persoas e son máis maiores. Tamén hai menos bestas, xa sexa polos problemas de alimentación, polo ataque dos lobos ou polos constantes roubos de animais que sofren na aldea a mans de, segundo din, “mafias organizadas”. Un veciño ofrece cifras: nos últimos anos a poboación decreceu nuns 600 exemplares. Todo isto, loxicamente, pon en xaque o futuro da festa.

Por último, a problemática dos eólicos tamén chegou a Sabucedo. A veciñanza manifestouse en contra da construcción de varios parques eólicos nos montes colindantes, A Conla e O Cábado, pois afectarían á vida das mandas e tamén de todas as persoas que viven deses terreos. Lembremos que o cineasta Rodrigo Sorogoyen tamén denunciou este aspecto tras gañar o Goya á Mellor Película por As Bestas en 2023. Finalmente, e aínda que isto non se conta en Rapa, o TSXG decretou a suspensión cautelar da construcción destes parques, polo que de momento Sabucedo líbrase dos xigantes brancos.

No apartado técnico o documental destaca pola beleza das súas imaxes, de carácter observacional, e o bo facer de Julio de la Rosa na banda sonora. O traballo na montaxe tamén é importante, pois non é tarefa doada reducir anos de gravacións en só dúas horas. O feito de que o director coñeza aos protagonistas e acuda con eles ao monte a traballar durante anos, e mesmo participe na propia Rapa, fai que Enríquez sexa quen de colocar sempre con tino a cámara para conseguir imaxes poderosas e honestas e non sexa visto como un intruso.

Por sinalar un par de aspectos mellorables, o ritmo cara o final da cinta decae un pouco, algo que, como dicimos, é ben complicado de calibrar ao traballar con tantas horas de metraxe. Non é o mesmo velo como un espectador alleo que estar alí durante seis anos; o director decide priorizar unha serie de escenas que igual a nós non nos espertan a mesma emoción. Tampouco acabei de conxeniar con dúas partes, moi breves, de carácter máis onírico e experimental, que creo que se afastan do carácter limpo e “obxectivo” (se tal cousa existe) que practica o director durante o resto da obra. Por último, non comprendo a presenza do escultor fortachón que vén de Madrid e que aproveita a mínima ocasión para lucir no medio do monte un torso esculpido a base de horas de crossfit. Semella que á cámara lle gusta el e a el lle gusta a cámara. A esa historia pasarialle a tesoira sen dubidalo.

REVISTA NOVEMBRO

En definitiva, Rapa ofrécenos unha mirada única e novidosa dunha festa ancestral e, xa recentemente, fito turístico de Galicia. Curiosamente, a Rapa en si, que se celebra no curro de Sabucedo a comezos de xullo, non é a parte máis interesante da película, pois xa é a máis coñecida: os aloitadores, homes recios e sobreexcitados, saltando sobre cabalos salvaxes para inmobilizalos e cortarlles as crinas; testosterona pura. Ademais, coa turistificación da festa, semella que perdeu esa autenticidade e esa esencia que a facía única, como acontece con todo evento ou lugar que se masifica. O despoboamento no rural, o asociacionismo veciñal, a vida salvaxe, os dilemas éticos e o pesimismo de cara o futuro son algúns dos temas que se tratan en Rapa e que funcionan á perfección grazas ao seu coidado apartado visual. Enríquez recoñece que agora o obxectivo e levar o filme a cantos máis festivais mellor, coa vista posta en Estados Unidos, onde pensa que poda gozar de boa acollida.

O cabalo galego de monte está a desaparecer, só unhas poucas bestas resisten acosadas polos cuatreiros, os lobos… e agora tamén polos parques eólicos. Ao seu carón, a pequena aldea de Sabucedo preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Os conflitos dos cabalos son os conflitos da comunidade pero case non quedan veciños para defender o territorio. Unha vez ao ano a aldea celebra a “Rapa das Bestas” e 15.000 persoas acoden a presenciar o atávico, os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Pero todos marchan e ninguén ve a realidade detrás da Rapa: cada ano hai menos bestas no monte e –coma nun espello– menos xente na aldea.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.