Cabañas de Xarás: corazón de carballo
Contemplar o solpor da Illa de Ons desde un jacuzzi no medio da tranquilidade dun bosque é posible grazas á iniciativa de Cabañas de Xarás. A tan só trinta minutos de Vigo, atopamos estas catro construcións feitas en madeira autóctona e integradas á perfección nunha foresta de salgueiros e carballos.
«Chuchamel», «Margarida», «Mimosa» e «Néboda» son os floridos nomes de cada unha delas, que se distinguen unicamente pola orientación. O prestixioso arquitecto vigués Alfonso Penela deseñounas seguindo unha premisa: cada cabana debería abrazar unha árbore. A madeira de orixe local é o principal elemento estrutural; apostouse por materiais de primeira calidade e un aproveitamento máximo da luz natural.
Sobre unha superficie de cincuenta metros cadrados, as cabanas constan dunha cama de matrimonio, unha bufarda cunha cama pequena, comedor, cociña salón e unha ampla entrada co devandito jacuzzi desde o que temos unha vista privilexiada da ría de Pontevedra.
Silvia Portela é a impulsora deste proxecto pensado para se evadir da cidade sen a necesidade de marchar lonxe, pois está situado no lugar de Cabodevila, na parroquia de Ardán do concello de Marín, no medio dunha fraga a poucos minutos de grandes areais e a un tiro de pedra da capital pontevedresa. As cabanas son ideais para unha escapada curta na que se busque a tranquilidade e a conexión en parella ou en plácida soidade.
Lugar: Lugar de Cabodevila, 7-A, Ardán (Marín)
Distancia desde Vigo: 28,5 km
Prezo: 195,00 € por noite
Arredores a visitar: Lagoa de Castiñeiras, Parque dos Sentidos, Petróglifos de Mogor, Praia de Lapamán…
Información e reservas: 651 87 19 54 | cabanasdexaras.com | @cabanasdexaras