CAMELIAS MASCOTAS

O Festival SonRías Baixas desvela o cartel completo da súa próxima edición 

O evento programado para o 1, 2 e 3 de agosto en Bueu, contará con La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Rayden ou Álvaro de Luna como principais atractivos. Os abonos saen á venda o xoves 1 de febreiro ás 12 da mañá desde a web do festival e Enterticket, con prezo especial de 45€ para os primeiros compradores.

La Pegatina, fin de festa do 20º Aniversario 2023 / Rocío Cibes

Un ano máis volve un dos maiores festivais de Galicia, o SonRías Baixas. Localizado nun enclave natural idílico, en pleno corazón das Rías Baixas, o festival séguese postulando como unha oportunidade única de levar a grandes artistas do panorama nacional e internacional á pequena vila mariñeira de Bueu.

REVISTA NOVEMBRO

Esta edición, encabezada por nomes como La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, é unha gran aposta da organización para tratar de cambiar a tendencia da propia industria musical, apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como cabezas de cartel. Tamén destaca a presenza dos principais nomes da escena galega, como son Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants, encabezados pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego como son Tanxugueiras. A todos estes nomes súmanse os de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Élite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds, mantendo así a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais tamén nesta 21a edición.

The Rapants | P. Vázquez

Co cartel, o festival activa tamén a venda de abonos, que estará dispoñible a partir deste xoves 1 de febreiro ás 12 da mañá desde a web do festival. Os 500 primeiros compradores poderán obter as súas entradas por 45€ máis gastos de xestión.

Como adianto ao que será esta nova edición do SonRías Baixas, o festival confirma que manterá os seus xa característicos dous escenarios, evitando solapar concertos e buscando que todo o mundo poida gozar e coñecer todas as propostas musicais programadas. Ademais, manteñen os prezos de venda de anteriores edicións, lanzando consigo unha promoción de precarga de pulseiras cashless polo cal se á hora de comprar o teu abono cargas a túa pulseira para consumir no festival, recibirás a maiores un 10% do cargado de balde. Por último, avanzan que proximamente darán a coñecer os detalles da acampada, que estará situada a escasos 150 metros do propio festival e da praia.