CAMELIAS MASCOTAS

Os mellores mercados de Nadal de Vigo

Mercar agasallos feitos por artistas e artesáns galegos e desfrutar do ambiente natalicio son algúns dos alicientes de pasearse polos mercados de Nadal, que abundan durante estas datas.

Cíes Market – Do 24 de novembro ao 15 de xaneiro na praza de Compostela
Domingo a xoves das 17:00 ás 23:00 h, venres, sábados, festivos e véspera de festivos das 17:00 a 00:00 h

Casetas de madeira azul baixo as árbores da Alameda con produtos de artesanía, obxectos decorativos do Nadal, gastronomía de tempada e obxectos de agasallo.

MONA – Do 1 ao 3 de decembro en La Contenedora
Venres e sábado das 12:00 ás 20:30 h, domingo das 16:00 ás 20:30 h

Mercado de arte internacional especializado en ilustración en multitude de soportes e estilos: cerámica, acuarela, manga, serigrafía, popart, ilustración botánica… ten a particularidade de que algúns dos expositores cambian cada día e de que se realiza nunha tenda, polo que ademais dos postos tamén temos a opción de mercar a roupa, láminas e obxectos artísticos de La Contenedora. Ten bar, haberá actuacións e unha recollida solidaria de xoguetes.

Mercado da Arte de Nadal – 3 de decembro no Mercado do Calvario
Das 11:00 ás 20:00 h

Orixinal proposta que converte dúas veces ao ano os postos de peixe, carne e froitas do Mercado do Calvario en postos de arte e artesanía galegas. Unha única xornada amenizada por música en directo e DJ e con cantina e petiscos a cargo de Outro Conto.

Lareira Market – Do 4 ao 10 de decembro en A Laxe
Das 11:00 ás 21:00 h

Mercado organizado por artesáns que planta cara ao consumo de fast fashion con ambiente familiar, arte e artesanía no Centro Comercial A Laxe. Ademais porán á venda rifas para entrar no sorteo dunha cesta con produtos de cada artesán. O recadado irá á Asociación Bicos de Papel.

Mercado Reciclado – Do 15 ao 17 e do 22 ao 24 de decembro en Simia
Venres das 17:00 ás 22:00 h; sábado das 11:00 h ás 21:00 h; domingo 17:00 h ás 21:00 h

Cinco días de mercado no que participan vinte e seis artistas de xoiería, ilustración, pintura, upcycling e decoración. Proxectos que residen todo o ano en Simia, como o taller cerámico Fango, que participa no mercado cun espazo de venda no que atoparemos a produción das diferentes ceramistas que pasaron por el. Tamén poderemos visitar o taller de Felicetta Gualtieri, deseñadora de modas especialista en upcycling, coa opción de trocar tres pezas de roupa que levemos por outras novas. Como noutras ocasións tamén hai djs, música en directo e talleres.

Xeito Market – 17 de decembro no Hotel NH Collection
Das 11:00 ás 21:00 h

Mercado que se realiza un domingo ao mes e que terá, por suposto, a súa edición en decembro para favorecer a compra de arte local no Nadal. Artesanías, produtos gourmet, moda e arte son algunhas das disciplinas ‘made in Galicia’ que atoparemos nos postos seleccionados. A súa principal peculiaridade é que se celebra nos señoriais salóns decorados do hotel.

Mercadillo Navideño – Do 18 ao 31 de decembro no Centro Comercial Camelias
Das 10:00 ás 21:00 h

REVISTA NOVEMBRO

O centro comercial de praza América continúa a apostar pola celebración de eventos nas súas instalacións. Os días de máis compras do Nadal organizan un mercado para complementar a súa oferta comercial habitual co traballo de artesáns locais.

Mercadillo artesanal de Nadal – 28 de decembro no Monk Pub
Das 17:00 ás 22:30 h

A zona de Rosalía tamén terá o seu mercado de Nadal, será no Monk Pub e reunirá arte e artesáns locais.