A Movida organiza dous coloquios sobre literatura viguesa para celebrar os cinco anos da revista
Ao longo deste 2023 o medio cultural de referencia de Vigo, A Movida, celebra o seu quinto aniversario con diversas actividades culturais. Este mes de novembro organiza, da man da Deputación de Pontevedra, dous coloquios baixo o nome de A Movida Literaria, que terán lugar na Sede da Deputación o xoves 16 e o mércores 29, no que participarán algúns dos autores máis relevantes de Galicia.
Ao longo deste 2023 o medio cultural de referencia de Vigo, A Movida, celebra o seu quinto aniversario con diversas actividades culturais. O 14 de setembro organizou un coloquio no local da asociación Emaus baixo o título Vigo é cultura, ao que acudiron Antonio Durán ‘Morris’, María Xosé Queizán, Pedro Feijoo, High Paw e Toño López. Un mes despois, o 14 de outubro, tivo lugar a gran festa de aniversario na Sede do RC Celta, onde centos de persoas desfrutaron da poesía de Pompa & Boato e Silvia Penas e da música de Fillas de Cassandra e Sanny.
Nese mesmo evento presentouse a revista número 50, un relato compartido escrito por algunhas das mellores plumas do país, todas elas ligadas a Vigo: Ledicia Costas, Pedro Feijoo, María Reimóndez, Domingo Villar, María Xosé Porteiro, Marcos Calveiro, Francisco Castro, Rexina Vega, Manuel Esteban e Inma López Silva. As ilustracións da capa e do interior son obra da artista olívica Bea Gregores.
O relato compartido foi un proxecto que naceu o ano pasado da man desta revista, cando lles propuxemos a dez autores e autoras crear un relato conxunto no que cada un deles se encargaría dun capítulo. Iniciou a historia Ledicia Costas, Pedro Feijoo foi quen continuou coa trama ata que, oito números despois, Inma López Silva pechou a historia. Esta compilación inclúe un dos últimos textos escritos por Domingo Villar, o que fai que este exemplar sexa aínda máis especial. O relato compartido está incluído no interior da revista de novembro.
Para continuar coas celebracións, A Movida organiza, da man da Deputación de Pontevedra, un ciclo de charlas chamado A Movida literaria, onde os autores e autoras anteriormente mentados participan en dous coloquios arredor da novela negra e social a e literatura xuvenil e infantil en Galicia. Ambos eventos terán lugar ás 19:30 na Sede da Deputación en Vigo (Eduardo Chao, 17), con entrada de balde.
A MOVIDA LITERARIA – Sede da Deputación (19:30)
Xoves 16 de novembro – Novela negra e social en Galicia
Inma López Silva
Francisco Castro
Mª Xosé Porteiro
Pedro Feijoo
Rexina Vega
Mércores 29 de novembro – Literatura infantil e xuvenil en Galicia
Marcos Calveiro
Ledicia Costas
María Reimóndez
Manuel Esteban