Sete actividades que non podes perder no Galician Freaky Film Festival
Este venres arranca a sétima edición do GFFF, o festival de cinema freak e fantástico que encherá a cidade de proxeccións de curtametraxes e filmes de culto, exposicións, charlas, encontros e o seu característico toque de humor gamberro. Este ano o festival homenaxea ao anime Akira e organiza unha feira de produtos e cultura xaponesa.
Esta mañá o Galician Freaky Film Festival presentou na Praza Elíptica o programa completo da súa sétima edición, que o director Juan de Castro definiu como “máis grande, máis ambiciosa e máis freak; o que merece unha cidade que ten como mascota un Dinoseto”. O programa, que se desenvolverá entre o 22 e o 30 de setembro, ten como sede o Auditorio do Concello os días 22 e 23 e mudarase á Praza Elíptica entre os 27 e o 30 de setembro. As proxeccións teñen lugar nos recén inaugurados Cines Tamberlick, mentres que as exposicións, charlas e cervexas estarán na Sala Apo’strophe Arte, ambos na Praza Elíptica.
Este é un resumo esquemático de todo o desfrute freak que temos por diante nos próximos días. Os pormenores de cada actividade poden encontrarse na web do festival e, a continuación, sete ideas para para gozar do festival, sexas ou non un frikazo:
1. Revisiona Videodrome en pantalla grande – Venres 22, ás 19:30 h, no Auditorio do Concello
A obra de culto de David Cronenberg fai 40 anos e no Galician Freaky Film Festival non podían pasar por alto a oportunidade de facerlle unha homenaxe, pois desde a edición #0 bautizaron a súa sala de proxeccións como Videodrome. Sentimentalismo aparte, o filme é un referente do subxénero do horrror corporal e explora como poucos as fronteiras entre o humano e o mecánico. Despois da proxección haberá un coloquio con Ricardo Expencer, especialista en efectos especiais.
2. Se es pequeno e es freak, tes que ir ao pequefreak – Sábado 23, entre as 10:30 e as 21:00 h, no Auditorio do Concello
O Pequefreak é unha xornada para desfrutar en familia pola que o GFFF aposta desde hai xa tres anos. Se non tes prole podes pasar ao seguinte paso. Se a tes, debes saber que durante todo o sábado o Auditorio do Concello acollerá un obradoiro de efectos especiais (para aprender como os superheroes voan nas pelis ou como se fai unha prótese), outro de debuxo de cómics e a proxección de Mi vecino Totoro, un filme cheo de fantasía e amor pola natureza que leva abraiando xeracións desde 1988. Neste artigo tes toda a información sobre o Pequefreak.
3. Mergúllate no universo Akira – Durante todo o festival
O festival homenaxea cada ano un filme de culto e este ano é o turno de Akira. Por suposto, poderemos ver este anime postpunk de Katsuhiro Ōtomo o sábado ás 21:30 h, pero o seu imaxinario traspasará a pantalla a través do deseño do cartel, a decoración da sala, a feira de produtos xaponeses e a réplica da lendaria moto vermella do filme. Tamén se instalará en Apo’strophe a exposición Reimaxinando Akira, na que destacados artistas galegos e españois versionan as súas escenas favoritas de Akira.
4. Asistir á “Conchirencia” de Rafillo – Sábado ás 19:00 h na Sala Apo’strophe Arte
Se non coñeces a Rafillo, corre a seguilo na súa conta de Instagram. Este referente da ilustración e o humor falará de Querida Conchi, a webserie de comedia bizarra para adultos máis transgresora do momento, que segue a vida dun matrimonio de anciáns. Rafillo traballou para canles como Cartoon Network (Adult Swim) e Fox e para a serie Rick y Morty, polo que as expectativas son moi altas.
5. Poñernos ao día cos cineastas galegos no encontro A que andas, freak? – Xoves 29 ás 11:00 h na Sala Apo’strophe Arte
Cun café (ou unha cervexa) na man, varios cineastas galegos falarán dos proxectos audiovisuais que teñen entre mans. Participarán nesta sesión de work in progress Laura Doval, produtora en Gaita Films, que vén presentarnos a súa próxima longa, Monstro, protagonizada por Morris; Representantes de Cosmic Animation Studio, estudo de 3D gañadores do Premio Pequefreak no 2022, e Eugenio Cortegoso.
6. Explorar a Selección Oficial
A xoia da coroa do festival é a súa selección de curtametraxes, elixidos durante meses entre o mellor (e o peor) dos festivais de terror e fantasía do mundo enteiro. Miriam Álvarez, subdirectora e programadora do GFFF, suxírenos non perdernos nada, pero insistíndolle un pouco accedeu a adiantarnos algunhas das súas curtas favoritas:
- Cut de Son Min-zun. Está no bloque ARREPÍO. Cut teñe todos os ingredientes que esperas dun filme coreano. Descolocarate de principio a fin.
- La machine d’alex. Está no bloque: CIENCIA FICCIÓN:OUTROS MUNDOS. Os seguidores de David Cronenberg atoparanse moi cómodos neste filme de Mael Le Mée. Unha oda á carne, onde o mecánico e o visceral mistúranse nunha obra coidada ao milímetro.
- Hermit Island. Está no bloque: CIENCIA FICCIÓN:OUTROS MUNDOS. Cunha estética moi persoal, e unhas traballadas atmosferas, Gábor Mariai consegue mergullarnos nesta estrana illa de ermitás. Teremos a sorte de que nolo conte en persoa durante a presentación da curta.
- Nous les barbares. Está no bloque QUE CARALLO É ISTO?! Vol. 2. Esta obra de Bertrand Mandico terá a súa estrea nacional no festival. Construída sobre a peculiar épica do director, Nous les barbares é un derroche estético e técnico que te arrastrará, se te deixar levar, a un inferno bárbaro.
- Tank Fairy de Erich Rettstadt. Está no bloque QUE CARALLO É ISTO?! Vol. 2. A fada das bombonas de butano conquistará o teu corazón como xa o fixo en festivais como o Fantasia de Canadá, o SXSW ou o NIFFF. E é que esta peculiar madriña seducirate a golpe de descaro, tacóns altos, temazos e tubos de purpurina.
- Claudio’s Song. Dentro do bloque Cu Torcido atopamos esta curta do director Andreas Nilsson. O secuestro dun influencer rematará de forma moi inesperada para todas as partes. Un final digno deste bloque.
- Gnomes. Se algo non pode faltar cada ano no festival é unha curta con máis litros de sangue e vísceras das que pode albergar un corpo humano. A curta de Ruwan Heggelman é de esas que tes que saber ao que vas: a escachar da risa. Se odias saír a correr, de cando en vez comes fungos e encántate a casquería esta é túa curta.
Lembra aplaudir con afán ás curtas que máis che gusten, pois os premios do público decídeos o aplausómetro. Canto máis ruido faga a sala, maior a puntuación.
7. Feira Fantástica e Freak de Galicia – Venres 29 e sábado 30
Por primeira vez o GFFF organiza unha feira de arte e cultura xaponesa. 16 artistas e artesáns galegos contarán cun posto no centro da Praza Elíptica no que amosarán as súas creacións no eida da ilustración, libros, roupa, escultura ou xoiería.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024