O Concello de Vigo retira o apoio económico ao Underfest
Este mércores arranca a sexta edición do festival Underfest cunha exposición de cartelería musical na Galería Maraca. Venres e sábado serán os días onde se acumule case toda a programación, con numerosos concertos entre os que destaca o do británico Paul Weller. Por primeira vez en cinco anos o Concello de Vigo decidiu non patrocinar o evento musical organizado por Sweet Nocturna.
Esta fin de semana volve o Underfest, que celebra a súa sexta edición cun cabeza de cartel de lenda: o británico Paul Weller, alcumado o Modfather ou padriño dos mod. Mais, antes, o festival organizado pola promotora Sweet Nocturna ofrece varias actividades paralelas. A primeira é este mércores ás 20:00, onde se inaugura unha exposición cos mellores autores de carteis de concertos do Estado na Galería Maraca. Para pechar a xornada, o músico vigués Henry Warrington actuará nese mesmo espazo.
Ao día seguinte ás 20:30, novamente en Maraca, preséntase o documental Miedo al miedo sobre a DJ galega Marta Fierro, coñecida como Eme DJ. O filme pon o foco na saúde mental e onde se narra como un referente dos pratos como ela enfróntase á ansiedade antes de saír a picar. A artista estará presente para dar a coñecer o seu proxecto “Depresión en la cabina”.
A programación puramente musical comeza o venres no museo Marco cos concertos de Sam Amidon e Queidem. O resto de actuacións, que terán lugar en diferentes salas do centro, serán Ciel, Blood Red Shoes, PVA e La Perra Blanco. O sábado comeza novamente no Marco con Latorre e de alí imos ao Auditorio Mar de Vigo cun dos concertos do ano: Paul Weller. Desde Beiramar a organización fretará un autobús para que as persoas con abono poidan achegarse de novo á zona de Churruca, onde continuará a festa con _juno, Los Mejillones Tigre, Alex Silva, Yung Prado e Mueveloreina. Como novidade de última hora, o concerto de La Élite moveuse ao domingo ás 20.30 na sala Masterclub. En total, sumando a Galería Maraca, o festival transcorre en oito espazos distintos.
Sobre este feito, a organización destaca o esforzo loxístico que supón mover a tantos artistas (algúns internacionais) en tan pouco tempo. Non se trata só cadrar os horarios evitando os molestos solapes, tan habituais nos grandes festivais, se non todo o relacionado con voos, transportes, aloxamentos, comidas, etc. Por iso, malia que Sweet Nocturna está habituada a traballar en grandes eventos (Muse, Guns N’ Roses, Sting, Thirty Seconds to Mars, Pixies…) este festival suponlles un esforzo extra.
Alén dos grandes nomes, Tibe e Raquel Seijo, responsables de Sweet Nocturna, destacan a calidade e a variedade dunha programación formada por artistas que dificilmente se poden ver noutros festivais. Esta aposta polo diferente parece gustar ao público, que adoita esgotar todos os abonos mesmo antes de facer público o cartel. A maiores do festival, Underfest trae ao longo do ano a outros artistas internacionais baixo o ciclo Bites, que este outono programa na cidade a John Grant e Dictators.
O Concello bórrase dos patrocinadores
Desde os inicios do Underfest, alá polo 2018, o Concello apoiou economicamente o evento que aposta pola deslocalización e a desestacionalización dos festivais musicais. Este ano, a un mes de comezar o certame, o Concello de Vigo comunicou á empresa organizadora que retiraba o seu apoio sen dar maiores explicacións. Deste xeito, só a Xunta de Galicia aporta financiación institucional.
Malia que ningunha das dúas partes quixo confirmalo, o certo é que a relación entre Sweet Nocturna e o Concello non está a pasar polo seu mellor momento despois da mediática polémica arredor da contratación de Guns N Roses para o seu concerto en Balaidos o pasado mes de xuño. De feito, actualmente estase a librar unha batalla legal por ver cal das dúas partes ten razón. Quizais este millonario desencontro explique a repentina decisión do goberno local.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024