CAMELIAS MASCOTAS

Magia en la Manga, de magos a mestres

Nada por aquí, nada por alá. Así estaba o Casco Vello Alto ata hai uns anos. Pero, de súpeto… Tachán! Numerosas actividades culturais empezaron a agromar nos baixos dos edificios de pedra que conforman a zona da Ferrería. Unha destas iniciativas é a de Magia en la Manga, un proxecto conformado por tres mozos apaixonados pola maxia: Óscar Fernández, Sara Rodríguez e Carlos Tomico.

Tras coñecérense na Asociación de Magos e Ilusionistas Vigueses (AMIV), os formantes do devandito cuarteto decidiron xuntar forzas para facer dos trucos un modo de vida propio. Puxéronse a vender en feiras os seus propios xogos de maxia, á maneira do clásico Magia Borrás. No momento en que botaban a voar chegou a pandemia, pero conseguiron sorteala coa habilidade digna dun escapista e saír con forza do contratempo: «Cada ano vai algo mellor ca o anterior, iso significa que estamos traballando ben», comenta Óscar.

A apertura deste espazo, que se inaugurou cunha festa con entrada libre a mediados de xullo, supón un enorme paso adiante na traxectoria da cuadrilla. Deste xeito, constitúen a primeira e única escola de maxia de Galicia e unha das poucas de España, onde a partir do presente mes setembrino se ofrecen cursos regulares para grandes e pequenos. A oferta inclúe obradoiros dunha xornada única e actividades enfocadas ao público familiar.

REVISTA NOVEMBRO

Isto sería no apartado formativo, porque o baixo situado no número 11 da rúa da Ferrería tamén funciona como sala de espectáculos, un lugar en que desfrutar das actuacións de grandes ilusionistas a nivel Estatal en dous formatos: maxia de salón, con capacidade para uns 50 espectadores; e maxia de cerca, con obxectos máis pequenos nun ambiente máis íntimo. «Temos a sorte de contar con moitos amigos magos que triunfaron internacionalmente e que van vir actuar ao noso local», explica Sara.

Magia en la Manga traballa en colexios de todo o territorio, polo que os centros educativos tamén son benvidos neste local, desde o que se preparan diferentes espectáculos didácticos (sobre matemáticas ou en inglés) e obradoiros para aprender a realizar trucos sinxelos e divertidos.

Á hora de falar da escena galega no tocante á maxia, non deixan correr a oportunidade para agradecer o traballo do Mago Antón, «un referente que abriu a porta a todos os magos de Galicia», apostila Óscar. O nivel e a cantidade de practicantes, segundo eles, é bastante elevado; mesmo hai tres magos galegos veñen de ser premiados no campionato estatal. Estes catro magos vigueses sempre gardan un ás baixo a manga.


Esquina rúa da Ferrería, 11, coa rúa de San Sebastián, 3 | magiaenlamanga.com | 659 89 63 70 e 686 30 03 67 |
info@magiaenlamanga.com | @magiaenlamanga

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.