CAMELIAS MASCOTAS

A Sala Ártika presenta 41 espectáculos para despois de verán

Este mércores, nunha rolda de prensa aberta ao público, a Sala Ártika presentou a súa programación para o último cuadrimestre do ano baixo o lema “ti es parte da cultura”. A sala albergará na recta final do ano tres festivais, 25 compañías e 41 representacións para todo tipo de públicos. As entradas para todas as actuacións xa están á venda.

Curva España de Chévere

Malia que o verán non é a época do ano máis propicia para o teatro, na Sala Ártika non están a perder, nin moito menos, o tempo. Tres festivais, 25 compañías e 41 representacións pasarán pola sala situada na rúa Beiramar nun festín teatral para todas as idades e gustos. Para esta programación o espazo cultural recibe unha axuda de 75.000 euros por parte de AGADIC ao ter obtido a mellor puntuación das salas viguesas; e 6000 euros da partida de cultura do Concello de Vigo.

REVISTA NOVEMBRO

A programación arranca a finais de setembro co XXI circuíto de creación escénica contemporánea organizado pola Rede de Teatros Alternativos. Labú Teatro, Jordi Font e ZigZag Danza serán as propostas que poderemos gozar neste comezo de tempada. Do 7 de outubro ao 19 de novembro é a quenda do Festival Comediártiko, unha iniciativa nacida en 2020 que goza de grande acollida entre o público da sala. Impulso Teatro, Chévere, Sutottos e Sala Cero Teatro ofrecerán os espectáculos para público adulto e Arbolé e Compañía Off farán o propio para os máis pequenos. Un dos pratos fortes é a volta de As que limpan de A Panadaría, obra coa que encheron seis funcións a última vez que visitaron a Sala Ártika.

As que limpan de A Panadaría

Para pechar a tempada e o ano volve o festival Pequeártiko, que celebra tantos anos como a propia sala: nove. Do 22 ao 31 de decembro a Ártika énchese de propostas familiares que contan cada ano con mellor acollida. Sobre este tema, Fernanda Barrio, xerente da sala, insistiu na necesidade de inculcar o teatro nos pequenos “como unha opción máis de ocio”. Ademais do escenario principal, que tamén acollerá espectáculos de Provisional Danza e Vacaburra, a Ártika conta co espazo OFF, que acolle tres espectáculos de Ítaca Teatro, Jorge de Arcos e Santi Prego.

CONSULTA TODA A PROGRAMACIÓN AQUÍ