REVISTA ABRIL

Recta final do Festival Galicreques na Sala Ártika con tres espectáculos

Esta fin de semana remata o XXV Festival Galicreques na Sala Ártika. Un festival que se vén realizando en Santiago de Compostela desde hai 25 anos e, desde hai seis, a sala viguesa acolle algunhas destas actuacións na súa programación. Os espectáculos serán Miragres, unha peza para rapaces maiores de 12 anos e adultos; Plastikus e El hombre que plantaba árboles, dirixidas principalmente ao público infantil e xuvenil.

MIRAGRES
Venres 16 ás 21:30

Miragres é un espectáculo sobre as Cantigas de Santa María de Alfonso X representado por una compañía de moinantes con monicreques e música en directo. Un total de once pezas, unha cantiga de loor, e dez milagres ou feitos extraordinarios, que acontecen con mediación divina de Santa María.

Por primeira vez contemplaremos a Santa María obrar os milagres da man dos monicreques cunha estética baseada nas magníficas miniaturas que acompañan ás cantigas nos libros orixinais. Para conseguir un mellor seguimento das accións, as músicas foron arranxadas rebaixando os ornamentos e suprimindo retrousos, achegándoas aos romances populares.

PLASTIKUS
Sábado 17 ás 18:00

Ondina vive xunto ás ondas do mar, onde elas rebentan e enchen de espuma a praia. Durante moitos e moitos anos, apenas a espuma bañaba a area da praia. E era aí que Ondina brincaba coa espuma do mar.

Mais novos obxectos con sons, cores e formas extraordinarias xurdiron na súa vida e a Ondina gustáballe brincar con eles. Parecían unha nova especie moi amigable e pouco a pouco foron introducíndose na súa vida e, canto máis se adentraban, máis os necesitaba. Ata que o PLASTIKUS volveuse absolutamente indispensable. E así creceu, creceu, creceu na súa vida e Ondina rapidamente descubriu que xa ficaba por todos lados! Por todas partes o mesmo!

REVISTA ABRIL

EL HOMBRE QUE PLANTABA ÁRBOLES
Domingo 18 ás 18:00

Esta é a vida de Elzeard Bouffier, un humilde pastor que durante anos plantou árbores e non llo contou a ninguén. Só ao noso narrador, que ao longo do espectáculo irá descubrindo unha das máis fermosas e esperanzadoras fábulas; un esforzo, por pequeno que sexa, pode cambiar o mundo e facelo máis habitable.


A maiores, a Sala Ártika ten unha variada programación preparada para o resto do mes. Do 23 ao 25 estará a obra Antes de que llegue la bestia, unha produción dos seus compañeiros da Compañía Ensalle. O venres 30 estará o Mago Tomico co seu show Nueva Surrealidad, e pechará o mes e abrirá o seguinte Castrapo, unha peza de Náufragos Teatro. Para novembro, polo de agora só está confirmada Feminissimas, de Dste Xeita Teatro, para o xoves 19.