CAMELIAS MASCOTAS

O cómic conquista O Calvario grazas a Banda á Feira

A segunda edición de Banda á Feira celébrase o 12, 13 e 14 de maio en diferentes lugares do Calvario nunha reivindicación do espazo público como unha forma ideal de achegar a cultura á xente. Entre os convidados destacan os nomes de Miguelanxo Prado, Juan Díaz Canales, Kenny Ruiz, Teresa Valero e Miriam Bonastre.

Teresa Valero, Miguelanxo Prado e Miriam Bonastre

O pasado ano celebrábase por primeira vez Banda á Feira, un festival de cómic organizado pola Asociación Veciñal do Calvario e celebrado nese mesmo barrio. As tres persoas que están detrás deste evento son Fernando Llor, Féliz Rodríguez e Melo, xerente da tenda especializada Banda Deseñada. O primeiro recoñece que o debut foi “moito mellor do esperado, cun ambiente moi bonito e acolledor. As expos funcionaron tan ben que ao rematar o festival varios institutos contactaron con nós para levalas aos centros”. O último engade que “esta segunda edición destaca especialmente por un plantel de convidados de gran prestixio internacional”.

Estes prestixiosos artistas son Miguelanxo Prado, Juan Díaz Canales, Kenny Ruiz, Teresa Valero e Miriam Bonastre. Juan Díaz Canles é guionista de Blacksad, unha das series máis exitosas do século XXI con máis dun millón de exemplares vendidos e gañadora do Premio Nacional de Cómic no ano 2014; Teresa Valero é guionista e autora integral de obras como Contrapaso con máis de 300 000 exemplares vendidos. Miguelanxo Prado, o historietista galego máis importante de todos os tempos e gañador do Premio Nacional do Cómic en 2013 con Ardalén, está a dar que falar nas últimas semanas pola triste nova da súa partida como director de Viñetas desde o Atlántico, o recoñecido salón do cómic da Coruña.

Así mesmo, levarán o seu talento ata a peonil do calvario, Kenny Ruiz, un dos selectos autores españois que traballa regularmente para o esixente mercado xaponés do manga coa súa obra Team Phoenix que se publica á vez en España, Francia, Xapón e Italia; e Miriam Bonastre, unha das artistas de webtoon máis importantes coa súa obra Hooky coouse dúas veces na lista de cómics máis vendidos do New York Times con máis de 150 000 exemplares de cada volume.

O cartel

REVISTA NOVEMBRO

Nesta segunda edición o artista escollido para realizar o cartel é Carles Dalmau, o novo autor badalonés que xa participou como convidado na edición anterior. Mantendo o mercado do Calvario como elemento recoñecible por todos os veciños, a imaxe recrea toda unha homenaxe a dous xéneros clásicos da ficción xaponesa como son o mecha e o kaijū ao mostrar a un robot xigante que loita contra un gran polbo que está a xerar o caos pola cidade.

Praza da Banda

Para poñer a guinda aos tres días de celebración comiqueira, este ano chega Praza da Banda, un pequeno zoco artístico repleto de moitísimo talento no que autores locais poderán mostrar as súas creacións. Así, nace un espazo que de novo pon en valor o achegamento do cómic aos visitantes da mellor forma posible: directamente desde os seus creadores. O marco non pode ser máis idóneo xa que colocarán as súas mesas na contorna do mercado.