CAMELIAS MASCOTAS

Engánchate á escalada con Mg¹² Rocódromo

No Polígono Industrial do Rebullón, no concello de Mos, atopamos un dos poucos rocódromos da comarca. A ausencia deste tipo de espazos e a alta demanda dunha rexión con tradición na escalada foi o que levou á médica Laura Gómez e mais ao arquitecto Alfredo Lago a abrir un centro específico en 2021.

Unha rapaza comezando a escalada dun dos muros do rocódromo | P. Vázquez

En 2021, Laura Gómez e Alfredo Lago abriron o rocódromo máis grande da provincia no veciño concello de Mos. As instalacións contan con 250 metros cadrados dedicados á escalada: 70 vías repartidas en sete zonas segundo o nivel de dificultade (30% iniciación, 30% intermedio, 30% intermedio-alto e 10% avanzado), onde unha das zonas se reformula semanalmente, polo que sempre dispoñemos de tramos novos para practicar; e mais un espazo de adestramento específico de 90 metros cadrados similar a un ximnasio, cun muro máis baixo para practicar todo tipo de agarres.

REVISTA NOVEMBRO

Existe a opción de se asociar para desfrutar de todas as vantaxes desta nave (con tarifa mensual, semestral ou anual), unha das que máis metros de escalada ofrecen en Galicia. Tamén se pode acceder cun bono para varias sesións ou con entrada individual. A maiores, aquí realízanse bautismos de escalada, clases personalizadas, competicións, cursos, formacións, proxeccións de documentais… O magnesio que dá nome ao rocódromo, produto básico para mellorar a suxeición, véndese en estado liquido e non en po para evitar ensuciar a roupa e as instalacións e para que non queden partículas suspendidas que despois vaiamos respirar.

Alén do deporte profesional, Alfredo ve a escalada como un modo de adestramento divertido e moi completo. Forza, elasticidade e coordinación van da man nunha disciplina que tamén é beneficiosa a nivel psicolóxico, pois favorece a concentración e a autosuperación. Aquí non te enfrentas a ningún rival, só a unha parede e a ti mesmo, polo que paulatinamente alcanzas novas metas que semanas atrás semellaban imposibles. Esa sensación é, segundo Alfredo, o que engancha da escalada e che fai volver día tras día.

Polígono Industrial do Rebullón, 72 (Mos) | mg12.es | 600 36 98 66 | mg12.vigo@gmail.com | @mg12.escalada

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.