Mapache Climbing, un rocódromo de altura
Tras máis de 15 anos gabeando polo mundo, Raúl Refojos decidiu volver á casa. Ao ver que o monte Galiñeiro estaba cheo de xente e que a escalada deportiva ía formar parte dos Xogos Olímpicos de 2020, non dubidou en abrir un Mapache Climbing, un rocódromo á beira da xunqueira do Lagares. O emprendendor percibe o entusiasmo da clientela á hora de ascender por uns muros que acollen principiantes e veteranos.

O cheiro a salitre do mar chega ata as instalacións de Mapache Climbing, situadas no barrio de Coruxo. Un amplo boulder de 4,5 metros de altura, que cada semana cambia de bloques, recíbenos a man esquerda nada máis entrar nas instalacións. A clientela vai desde nenos, que se están iniciando no mundo da escalada, a adultos que se desenvolven con soltura polos inclinados muros. Ademais, o espazo conta cun ximnasio especializado nesta modalidade deportiva.
O ideal para entrar con bo pé nesta disciplina é facelo a través do bautismo, unha clase dunha hora cun monitor, proseguindo cos cursos de iniciación que afondan durante dúas xornadas na técnica e na colocación do corpo. Segundo Refojos, «Mapache é un ximnasio centrado no mundo da escalada» no que non é preciso ser membro dunha asociación nin estar federado para poder trepar polas súas paredes.
Os rocódromos son lugares idóneos para iniciarse e practicar antes de dar o salto á rocha en exteriores, onde o perigo é máis palpable e o material máis cuantioso e custoso. Aquí so precisas roupa cómoda, un calzado especial coñecido como pés de gato e ganas de trepar. Ademais, son perfectos para continuar o adestramentos nos meses nos que a climatoloxía non acompaña: «É o xeito de manterse en forma nos meses de chuvia, pois a escalada é un deporte moi explosivo e demandante, require unha práctica constante».



Avenida de Ricardo Mella, 123 | 666 16 23 36 | mapacheclimbing.com | @mapacheclimbing
CONSULTA A AXENDA DE EVENTOS MÁIS COMPLETA DE VIGO
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Guns n Roses, altos e baixos dos reis da xungla - 8 Xuño, 2023
- ‘Poética del rock’, o libro vigués que recompila un século de música e literatura - 23 Maio, 2023
- Certifix: homologacións sen enredos - 22 Maio, 2023
- Reabre Vigosónico con nova xerencia e menor orzamento - 9 Maio, 2023
- Academia Kame: a casa das viñetas - 8 Maio, 2023