CAMELIAS MASCOTAS

Novidades musicais viguesas para rematar o ano

2022 vai chegando ao seu fin e nós deixámosvos unha última ristra de recomendacións musicais saídas da nosa cidade para rematar o ano coa mellor banda sonora posible.

SANNY

Sanny, o nome artístico tras o que se agocha a viguesa Sandra Gómez, comeza unha nova etapa musical coa presentación deste novo sinxelo que serve para dar a coñecer a flagrante banda que agora a acompaña: Denis Carballás á guitarra, Bruno Costas ao baixo e Anxo Paz á batería.

MARYLAND

O cuarteto de power pop veñen de lanzar o seu quinto disco o pasado 18 de novembro, Cataratas del paraíso, galardoado como Mellor álbum nos Premios Maketón.

THE RIGGOS

Novo adianto do segundo traballo discográfico do grupo punk rock The Riggos, cuxo lanzamento está previsto para este 2023.

LOS MARCIANOS

A banda viguesa regresa á actualidade con ‘Granada’, producida por Carlos Hernández (TAB, Carolina Durante, Los Planetas…), unha canción moi directa na que, xunto a Apartamentos Acapulco, demostran que a distorsión, a urxencia e os retrousos contundentes seguen sendo o seu selo de identidade.

LEMON PEARS

O cuarteto publicou en novembro o seu primeiro EP, Tras Salomé.

QUICO COMESAÑA

O compositor e arreglista Quico Comesaña presenta Mãe, o seu primeiro traballo discográfico en solitario, tras unha extensa carreira musical, formando parte de bandas emblemáticas galegas, como Armeguin, Fía na roca, Uxía grupo e Berrogüetto. O disco, conformado por catro temas instrumentais de 10 minutos, non se pode atopar en plataformas dixitais, polo que só se pode escoitar en formato físico.

DANI

Último adianto de Posdata, o segundo disco da viguesa dani.

IGLOO

Segundo sinxelo de adianto do novo disco de Igloo, que sairá en febreiro de 2023.

PÓLVORA

A banda viguesa de spoken word celebra os seus cinco anos de existencia con dous temas novos a guitarra e voz.

REBELIOM DO INFRAMUNDO

O esperado novo traballo de Rebeliom do Inframundo está a piques de saír á rúa, para ir quentando motores a banda de hip-hop presenta hoxe ‘Esparta’, un dos temas que forman parte de Amor ou barbarie.

IVÁN FERREIRO

O noso cantante de indie máis famoso volve á sección de novidades con ‘En el alambre’, primeiro adianto do seu próximo disco.

CARLOS NÚÑEZ

Mestura de tradición e modernidade da man do noso gaiteiro máis internacional, que colabora co produtor Yung Denzo.

CHUNGO PASTEL

Colaboración entre o grupo Chungo Pastel da Fundación IgualArte e o músico catalán Antonio Orozco, dentro do programa Somos 2. O videoclip, rodado en Vigo, protagonízao Eva García, usuaria da Fundación e autora da letra da canción. O disco sairá en formato vinilo a mediados de 2023.

BROKEN PEACH

Novo especial natalicio do grupo máis viral da cidade. Nesta ocasión versionan o tema ‘It’s Beginning To Look A Lot Like Christmas’ de Benedith Willson.

A DE SABAS

REVISTA NOVEMBRO

‘Camiño de Balaídos’ é un tema do autor Ramón Soto Ignacio e interpretada polo grupo de cantos de taberna A de Sabas en conmemoración dos 100 anos do clube galego Real Club Celta de Vigo.

LORRE

Lorre é o proxecto en solitario de Jorge Lorre, baixista en bandas locais como Family Folks ou The Bo Derek’s. Nesta nova aventura, coa que xa publicou un disco a finais de ano, está acompañado por músicos vigueses como Rubén Suárez ou Bosco Hill.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.