Guillermo Pastrana acompañará a Orquesta Clásica de Vigo no primeiro concerto da tempada
A orquesta Clásica de Vigo arranca a súa nova programación o 22 deste mes coa interpretración do Concerto para violonchelo composto en 1919 por Edward Elgar. O ciclo Escoitas complétase con outros catro concertos, o último deles en maio.
En 1984, o asturiano Manuel Martínez Álvarez-Nava chega á nosa cidade e sorpréndese ao ver que en Galicia non existe ningunha orquestra. De aí nace a Orquesta Clásica de Vigo, que desde o inicio apostou pola innovación nos formatos. Durante os anos que leva en activo, as obras interpretadas cóntanse por centos e, nos últimos programas, inclúense propostas con bandas sonoras, cine en directo ou danza, combinando obras consagradas con fórmulas máis actuais. A exploración musical é un dos principais obxectivos da agrupación, que experimentou con cousas como a electroacústica, coa música antiga ou co órgano. Ao combinar diferentes fórmulas, achéganse a públicos moi diversos. A cerna da orquestra está formado por medio cento de persoas, pero amplíase ao longo do ano a través de diversos programas en colaboración con diferentes músicos. Unha das características desta orquestra é que nela conviven músicos que aínda están no conservatorio con outros que teñen xa unha traxectoria moi ampla, de xeito que hai un transvase constante de coñecemento.
A nova temporada da Orquesta Clásica arranca o sábado 22 e está composta por cinco espectáculos. Inaugura o ciclo co Concerto para violonchelo composto en 1919 por Edward Elgar, unha das pezas máis recoñecidas para este instrumento, sobre todo tras o paso na década dos anos sesenta do século pasado polas mans de Jacqueline du Pré, artista que elevou esta obra complexa, visceral á categoría actual; trátase dunha peza única interpretada polo afamado solista granadino Guillermo Pastrana. Completa o programa a interpretación da Suite xaponesa do compositor británico Gustav Holst, unha peza bastante inusual que comparte época, estilo e nacionalidade co anterior. O concerto é precedido pola estrea de Tempestas, de Ismael Amoedo Collazo, artista gañador do primeiro certame CreaClásica (2019), unha aposta da Orquesta Clásica de Vigo pola creación contemporánea.
Programación
ELGAR
22/10/22 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo
Solista: Guillermo Pastrana
CONCERTO EXTRAORDINARIO DE NADAL
29/12/22 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo
GLASS
04/02/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo
Solista: Marcos Escobar
CANTO DE EMIGRACIÓN (película con música en directo)
26/03/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo
CHAIKOVSKI
06/05/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo
Solista: Giuseppe Andaloro
Venda de entradas
As entradas o concerto de Elgar xa están á venda en Ataquilla. Co fin de promover a asistencia de todos os públicos, a Clásica decidiu reducir os prezos. Para este concerto, as entradas custan desde 5 euros a 14 euros segundo a butaca. As entradas na billeteira antes do evento custarán 5 euros para menores de 30 anos.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024