REVISTA OUTUBRO

Este domingo arranca a Tempada 20.2 da Orquestra Clásica

A Clásica retoma a súa actividade tras uns meses baldíos. Mentres que a programación da pasada primavera trasladarana ao ano que vén, esta tempada 20.2 contará con tres concertos repartidos entre setembro, outubro e decembro nos que interpretarán, entre outros, a Hayd, Mozart ou Beethoven. O primeiro será este domingo 27 no Auditorio Municipal.

Este mércores presentouse a nova tempada da Orquestra Clásica de Vigo, a 20.2, que se mantén fiel á súa calidade , froito do contante traballo ao longo dos anos. Ademais de contar con aforos máis reducidos, a Orquestra tamén subirá a menos músicos ao escenario, entre 35 e 40 instrumentistas. Na medida do posible, todos os concertos que tiveron que cancelar a pasada primavera adiaranse ao 2021.

O primeiro concerto deste ciclo outono-inverno será Bentornati, unha palabra italiana que simboliza as ganas que tes de volver a ver a alguén. Será o sábado 27 no Auditorio Municipal e contará con dúas sesións, ás 18:00 e ás 20:00, xa que o Auditorio só dispón de 80 butacas e a Orquestra ten 120 abonos vendidos. O recital correrá a cargo sa sección de vento madeira, que este verán estivo parada xa que, pola tipoloxía dos instrumentos, non teñen boa sonoridade en exteriores.

O seguinte será o de Haydn + Mozart, o 17 de outubro no Teatro Afundación , cunha capacidade máxima de 400 persoas. Interpretarán o concerto para violín e orquestra, coa pontareá Raquel Carrera como solista. Por último, o 29 de decembro, tamén neste teatro, será o Concerto Extraordinario de Nadal, onde homenaxearán a Beethoven no seu 250 aniversario.