Xa podes votar a túa webserie favorita do Festival de Cine Inclusivo
O Festival de Cine Inclusivo organiza por terceiro ano o concurso de webseries. O público pode visionalas e votar a súa favorita na web do festival ata o día 20 deste mes.
Hoxe arranca o concurso online de webseries, como antesala do Festival de Cine Inclusivo que se celebra do 18 ao 22 deste mes en diferentes espazos da cidade. Por terceiro ano consecutivo o festival lanza este concurso no que todo o público pode exercer de xurado desde hoxe mesmo. Nesta edición participan catro webseries que tratan temáticas tan variadas como o TEA, a diversidade sexual ou o rural galego: Spiderman e eu de José Manuel Villar Paniagua, Adegas da memoria de Iago Seoane e Xosé Gago, Cosas de chicxs de Mariano Pablo Pozzi e Lisa de Raquel Barrera e Ingride Santos.
Na web do festival xa se poden ver as webseries a concurso: e a partir das 14.00 horas de hoxe venres 7 de outubro e ata o xoves 20 a mesma hora os internautas poderán escoller a súa favorita na propia web do festival. O sábado día 22 darase a coñecer a webserie vencedora xunto co resto do palmarés do festival. Esta iniciativa contou cunha acollida espectacular os anteriores anos con decenas de miles de votacións dos internautas.