REVISTA NOVEMBRO

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo abre o prazo para votar no primeiro concurso de webseries online

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que se celebra do martes 13 ao sábado 17, lanza o primeiro concurso de webseries online. As cinco series que participan nesta primeira edición xa se poden ver online a través da web do festival e votar a favorita.

Imaxe da webserie Hasta la vista! sobre o Camiño de Santaigo.

A pouco máis dunha semana de que arranque a quinta edición do festival de Cine Inclusivo de Vigo, os organizadores van desgranando parte da programación e adiantando algunhas das novidades que presentará o evento. Este ano, por primeira vez, as webseries inclusivas, que estiveron presentes no festival desde os seus comezos, van a concurso.

As cinco webseries que participan nesta edición son Enfermedades raras, Indetectables, Amor superdotado, #Sitcom e Hasta la vista!. Os directores das mesmas escolleron un capítulo que xa se pode ver online. Despois de velas, todo aquel que o desexe pode escoller a súa favorita. O prazo para votar remata o xoves 16 de outubro ás 23.55 horas.

Máis info sobre as webseries participantes:

Amor superdotado
España / 2019 / 7’
Dirección: Roberto Pérez Toledo
A primeira webserie española de Facebook Watch, creada polo director de cinema Roberto Pérez Toledo, narra unha historia sobre mozas e mozos con mentes brillantes, reunidos durante unha fin de semana nunha convención de rapaces con altas capacidades.

Enfermedades raras
Galicia / 2019 / 22’
Dirección: Jorge Cameselle, Teresa Calheiros-Cruz e Lucía Cameselle
Serie documental, creada e dirixida por médicos vigueses, sobre enfermidades raras, que foi premiada nos certames internacionais Cine Médico, Saúde e Telemedicina VIDEOMED.

Indetectables
España / 2020 / 16’
Dirección: Sonia Sebastián (Asociación Apoyo Positivo)
Lina recibe a noticia de que ten hepatite. Seguindo as indicacións da súa doutora, terá que contactar coas súas anteriores parellas para que se fagan un chequeo.É a primeira serie de ficción online sobre VIH, saúde sexual e diversidade producida en España.

Sitcom
Galicia / 2019 / 17’
Dirección: Iago González (Proyecto Máscaras)
As persoas con discapacidade intelectual poden votar. Por fin chega a data tan esperada e, ao finalizar a ansiada cita coas urnas, a “patrulla cidadá” vaise reunindo na cafetería para compartir anécdotas da xornada á espera dos resultados. E ocorreron moitas cousas…

Hasta la vista
Galicia / 2019 / 8’
Dirección: Alexandre Cancelo
Webserie que mestura ficción e documental para achegar á audiencia global das redes sociais historias reais e ficticias de camiñantes cun perfil moi diverso, que atravesan os camiños de Galicia cara Santiago ou Fisterra.