C. Tangana non canta nin afina, nin falta lle fai
Onte o peirao de transatlánticos encheuse para presenciar o espectáculo fílmico-musical da xira Sin cantar ni afinar tour de C. Tangana, quen non perdeu a oportunidade de felicitar ao Real Club Celta no seu 99º aniversario. A súa proposta audiovisual, única no panorama estatal cunha treintena de músicos sobre o escenario, superou calquera expectativa previa. Fotos: P. Cermeño
Miles de persoas de case todas as idades esperaban expectantes o inicio do concerto, o que demostra o alcance de C. Tangana como artista e como fenómeno social. Non se lembran nos últimos anos moitos artistas e discos que copasen tantos titulares como Pucho e o seu El madrileño (2021), un álbum que explora as raíces da música castiza, tan desprestixiada por parte de gran parte da crítica e do público. O seu flamenco-trap-pop sorprendeu a propios e extraños, nunha pirueta máis deste inquedo rapaz de 32 anos de orixes viguesas.
Cun traxe azul a cadros, pelo engomado, calcetíns brancos, mocasines negros coas tres raias de Adidas e mirada de neno pícaro que sabe que vai facer unha boa trasnada, C. Tangana saíu ao escenario pasadas as 22:00 da noite. E menuda trasnada tiña preparada. As dúbidas eran moitas: que nos vai ofrecer alguén que xa desde o nome da xira nos revela que nin canta nin afina? Como vai resolver en directo a enorme cantidade de colaboracións que ten no seu último disco? Levará músicos en escena ou estará todo pregravado como no Motomami World Tour de Rosalía? Valerá os 340.000€ que ten de caché? Unha emocionante intro musical de aires western seguida de ‘Still rapping’ e ‘Te olvidaste’ despexou calquera titubeo. Todo o mundo estaba moi dentro. Ata os rapaces que vendían cervexas entre o público con esas enormes mochilas estaban cantando mentres despachaban cañas.
Sección de metais e de corda, coristas, guitarristas, percusionistas… o escenario estaba repleto de artistas excelentes perfectamente compenetrados. Pero a verdadeira maxia estaba a ser proxectada uns metros máis arriba nunha xigantesca pantalla. O filme-concerto que ofreceu anoite Pucho estaba mellor dirixido, iluminado, atrezzado, gravado e montado que moitas películas que transitan as carteleiras dos cinemas. Un videoclip filmado en directo, un musical actual e mainstream. Ningún artista estatal a día de hoxe pode permitirse, xa sexa por cartos ou por ganas, un show como o de Tangana. Pode soar esaxerado, pero realmente é algo pioneiro e nunca visto nun artista meticuloso que non deixa nada ao azar na súa carreira.
Os entrantes foron superlativos: ‘Cambia!’, ‘Comerte entera’, ‘Párteme la cara’, ‘Ateo’ e ‘Nominao’ enloqueceron ao público e demostraron a versatilidade de Tangana á hora de resolver o complexo asunto das colaboracións. En todas recurriu a membros da banda para substituír a Carin Leon, Adriel Favela, Toquinho, Ed Maverick e Nathy Peluso, agás na última, na que apareceu por sorpresa e sentado na mesa cun xesto tranquilo Jorge Drexler. Só o Madrileño é quen de traer para unha soa canción a un dos grandes compositores en castelán das últimas décadas. Esta primeira parte, ambientada nun bar de aire setenteiro, rematou por todo o alto con ‘Demasiadas mujeres’ e a súa atronadora sección de ventos. Antón Álvarez, o nome que se agocha tras C. Tangana, non deixou pasar a oportunidade de felicitar ao Real Club Celta polo seu 99º aniversario. De pai vigués, Álvarez nunha escondeu a súa paixón polo clube olívico, ata o punto de ofrecerse a compoñer o himno para o centenario. Nun ano sairemos de dúbidas.
Os primeiros pratos, xa sentados arredor dunha gran mesa con diferentes licores, profundizou máis na vertente aflamencada do setlist, no que gañaron protagonismo as voces de La Húngara, Ismael “El Bola”, Juan José Carmona e as guitarras españolas. ‘Ingobernable’ e ‘Los tontos’ foron unha festa, interrumpida por unha fermosa versión de ‘Aunque tú no lo sepas’, canción composta por Quique González para Enrique Urquijo. Pechou este segundo bloque cunha das mellores cancións da noite: ‘Tranquilísimo’. Subido enriba da mesa cun flow desbordante, C.Tangana non deixou corpo sen mover nin remover.
Antes de pasar aos segundos, Pucho e o camareiro fixeron unha pequena escena na que este segundo acusaba ao resto da banda de non pagar as consumicións (con ecos a aquel clásico de Cañita Brava e as 6000 pesetas de whisky). Para calmar os ánimos, o cantante permitiulle ao maître poñer un “temazo”, que resultou ser ‘Llorando en la limo’, o éxitoso tema de 2018. ‘Se están muriendo de envidia’ e ‘Nunca estoy’ deron paso á sobremesa, que pecharía esta apetitosa comilona con ‘Tú me dejaste de querer’, ‘Antes de morirme’, ‘Un veneno’ e ‘Al di là’ intepretada por El Bola. Unhas letras grandes e amarelas anunciaban na pantalla a fin dun espectáculo que nos fai preguntarnos se saber cantar e afinar non estará un pouco sobrevalorado. Está claro que el non o precisa.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024