Xiana Lastra (A Banda da Loba): “Queremos transmitir as nosas inquedanzas dun xeito lúdico”
[ACTUALIZACIÓN: A Banda da Loba, con motivo das actividades organizadas polo 25N, actuarán este venres 2 de decembro no Auditorio do Concello con entrada libre ata completar o aforo. Preme aquí para máis información.]
Este domingo 7 A Banda da Loba subirá ao escenario do Festival TerraCeo, pero non o farán soas. Nastasia Zürcher, Margarida Mariño, Patty Castro, Eladio Santos e Monoulious DOP acompañarán a estas foraxidas no único concerto da xira que conta con estas colaboracións tan especiais. Abrindo a noite estarán Fillas de Cassandra, o dúo vigués formado por Sara Faro e MaríaSOA. Falamos con Xiana Lastra, vocalista e manager da Banda da Loba. Podes mercar aquí as túas entradas.
Non todo o mundo o sabe, pero en Galicia tivemos o noso propio Robin Hood. Máis ben a nosa, pois a bandoleira Pepa a Loba sembrou o medo entre caciques e curas a finais do século XIX co fin de repartir os seus cartos entre os máis necesitados, ou iso conta a lenda. Dela recibe o nome A Banda da Loba, un grupo formado en 2017 por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz): “A metade de nós xa tocabamos xuntas noutro proxecto e a outra metade non, pero cando nos xuntamos as pezas encaixaron á perfección”, rememora esta última.
Nestes cinco anos, e a pesar do barbeito pandémico, a banda non deixou de tocar en festivais, festas e salas. Aí, segundo Lastra, é onde se percibe ao cen por cen a esencia da súa música: “Somos un grupo de directo, xa que teño a sensación de que as nosos discos lles falta esa enerxía que si que temos ao vivo. A xente dinos que se nota que o pasamos ben e que conseguimos transmitir iso ao público”, explica a vocalista. Lastra considera que desde o comezo do proxecto tiveron a sorte de ter un público fiel e entregado, mais detrás deste éxito hai moitas horas de traballo: “Vexo máis ás miñas compañeiras da banda que á miña familia”, confesa. Esforzo que dá os seus froitos cando, segundo ela, nos concertos corean as súas letras: “É unha sensación incrible que moita xente non ten a oportunidade de vivir nunca”.
As colaboracións son unha constante na súa discografía. Entre elas, atopamos a de Tanxugueiras en 2018 no tema ‘Pepa’: “Tanxugueiras é un fenómeno que non houbo nunca na nosa música ata o momento. Penso que non é algo que se vaia traducir nunha grande apertura de portas á música galega, pero si que é certo que é un fito a nivel idiomático e cultural tanto fóra como dentro das nosas fronteiras”, apostila. O trío de cantareiras xa arrasou Vigo a pasada fin de semana co seu multitudinario concerto en Castrelos e agora é a quenda deste quinteto de foraxidas que virá ben acompañado por Nastasia Zürcher, Margarida Mariño, Patty Castro, Eladio Santos e Monoulious DOP: “Vai ser un concerto diferente porque é o único desta xira que se fai con colaboracións”, engade.
As letras da banda tratan temas importantes para elas como a diversidade, a identidade, o ecoloxismo, a memoria ou o feminismo. Con todo, o envoltorio é unha música ecléctica, divertida e dixerible para todo tipo de públicos: “Tiñamos claro que queriamos transmitir as nosas inquedanzas dun xeito lúdico. No caso da poesía, Xela Arias dicía que era necesario sacala do sillón dos lectores e lectoras e levala a outros lugares”, conta Lastra. A Banda da Loba tomou boa nota disto, pois en 2021 publicaron Hasme Oír, un EP dedicado a Arias composto por catro cancións baseadas na obra da autora. Actualmente están a presentar Xabón Lagarta, publicado este ano e inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024