Pablo Sánchez (Ciudad Jara): “Os seguidores de La Raíz sentíronse abandonados”
Pablo Sánchez, o artista detrás de Ciudad Jara, repite no cartel do SonRías Baixas, que se celebra entre o xoves 4 e o sábado 6 de agosto en Bueu. O excantante de La Raíz chega a Galicia co seu último traballo, Cinema, acabado de publicar, un disco profundamente poético que interpretará de xeito eléctrico e desenfadado no escenario. Cartel completo e link ás entradas do festival aquí.
Pablo Sánchez iniciou o camiño de Ciudad Jara hai tres anos, logo de acadar a fama como compositor e cantante do grupo La Raíz, que encheu festivais e pavillóns durante unha década coa súa orixinal mestura de rock español, rap e reggae e letras comprometidas e incendiarias que apelaban aos problemas da xuventude á que lle cantaban. Con este “novo” proxecto, máis próximo á canción de autor pop,o artista de Gandía demostra que ten outras inquedanzas musicais: “Fago en cada época o que sinto que me representa e penso que o lóxico é ter emocións e linguaxes distintas con 25 e con 38 anos”.
Este cambio de rumbo non foi sempre entendido e o compositor confesa que recibiu bastantes críticas a nivel persoal e profesional. Críticas que Sánchez di ententer perfectamente xa que “os seguidores de La Raíz sentíronse abandonados. A min tamén me pasou, salvando as distancias, cando se separaron Platero y tú, Extremoduro ou Def con Dos, grupos cos que me sentía moi identificado”.
Agora os seus referentes mudaron e Ciudad Jara, bautizado así pola súa filla, bebe de fontes diversas, como Pablo Milanés, Silvio Rodríguez ou o rock inglés e, sobre todo, da vocación poética deste letrista que demostra ter tanto talento para as cancións frenéticas como para as baladas pop. A metamorfose de Sánchez non cesa, e no seu último traballo, Cinema, publicado hai cinco meses, coñecemos a faceta máis íntima, poética e densa escoitada ata o momento.
Xunto a Pablo, no estudo, no directo e tamén nas imaxes promocionais, está o guitarrista e produtor Tato James. Un secundario de luxo que pode presumir de ter tocado con Manuel Carrasco, Rosana ou Nacho Cano. Tato e Pablo son amigos desde os 15 anos e forma parte dos dous discos que leva publicados Ciudad Jara. “É un apoio enorme e ten libertade creativa”. Tal é o seu peso que o segundo videoclip de Cinema, ‘Cantantes’, está protagonizado por el.
Ciudad Jara poderá desfrutarse o venres 5 de agosto no SonRíasBaixas, o mesmo día que actuarán Kase.O, Rayden e Bala, entre outros. Sánchez adiántanos que será máis eléctrico, potente e desenfadado do que ofreceron na pasada edición, cando a obriga de ter ao público sentado combinaba mellor cun show acústico. Escoitaremos as cancións que puxeron Ciudad Jara en boca de todos en 2019, como ‘Bailé’ e ‘Las manos’; e non faltarán algúns dos temas de Cinema que están colleitando máis éxitos, como ‘Si tú me pidieras’ ou ‘Foto con melena’, que son tamén “as máis frescas” do último traballo do valencián.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024