Probamos as mellores tapas do Vigo Seafest
O Sea Fest ianugurouse onte cunha gala na que se escolleron as mellores tapas do festival, que poderán probarse ata o domingo no paseo de Montero Ríos. A programación inclúe tamén charlas arredor da gastronomía e a cultura mariñeira, unha ducia de concertos e actividades infantís.
14 cociñeiros con sendos restaurantes en Vigo dánse cita esta fin de semana na avenida de Montero Ríos, convocados polo festival de cultura mariñeira Vigo Sea Fest. Previa á inauguración das casetas, que tivo lugar onte ás 19:30h, un grupo de expertos probou as creacións dos devanditos 14 elixidos e dictou veredicto sobre as mellores preparacións nunha gala bautizada como Desafío X chef Cervezas 1906.
O primeiro premio caeu nas mans do restaurante El Juliana, que preparou unha arepa atlántica rechea de gallineta e subiu ao escenario emocionado e acompañado dunha comitiva formada por empregados e familiares, moitos deles ambas cousas. O segundo premio mereceuno a espectacular ‘Sardina pan tumakka’ creada por Nicolás Pío, do restaurante Nikkō; mentres que o terceiro foi entregado a David Couñago, do restaurante Malasangre, quen ideou o prato no que aproveita todas as partes do peixe sapo.
Presidiu o xurado e exerceu como mestre de cerimonia o reputado cociñeiro andaluz Ángel León, posuidor de tres estrelas Michelín e bautuizado habitualmente como “o chef do mar”. León tamén se encargou de impartir a ponencia ‘La huerta del mar’, que se celebrou a continuación e esta tarde ofrecerá un showcooking.
‘Arepa atlántica’ de El Juliana
Ao restaurante El Juliana tocoulle por sorteo cociñar con gallineta. Un peixe sen demasiada reputación pero ao que o equipo soubo sacarlle un importante partido convertindo os seus lombos nun guiso con moitísimo sabor. Con el rechearon unha pequena arepa de millo e coroaron cun alioli con ramallo de mar e cilantro. O nome e a combinación de técnicas dos dous lados do Atlántico son unha homenaxe do cociñeiro á súa nai, Julia (na foto), así como “a tantas outras familias que emigraron nos anos 70 por necesidade e nos ensinaron cousas novas á volta”, como nos explica o cociñeiro. Para facer a masa, o equipo de El Juliana utilizou auga de mar desalinizada e engadiu tamén ramallo de mar.
‘Sardina pan tumakka’ de Nikko
A sardiña é a protagonista do prato presentado polo equipo de Nikkō. O peixe limpo é curado en sal e azucre para despois mariñarse en aceite infusionado con carbón. A sardiña comparte protagonismo cun tomate pasificado durante 20 horas a baixa temperatura e aderezado con mel, soia, ourego e tomiño. A base é un pan plano e flexible de masa de millo que permite ser dobrado a metade e comer este particular e chorreante pan tumaca como se fose un taco.
‘Rape hasta los nodares… rape cochino’ de Malasangre
Se do porco se aproveiran ata os andares, David Couñago fai o mesmo co peixe sapo negro, pois cada unha das moitas preparacións que forman o seu prato utiliza unha parte deste peixe. Alta cociña de aproveitamento. Este saboroso canelón de pataca fritida envolve unha crema feita a partir das carnes da cabeza e a punta da cola á que se lle aporta consistencia utilizando o coláxeno da pel e as espiñas e un extra de sabor con pasta de ají amrelo. O resultado é un puré moi cremoso con potente sabor a mar que contrasta co envoltorio crocante. Sobre el, un medallón de peixe sapo curado en tinta de choco “unha pequena chiscadela á miña vila de orixe, Redondela”, comenta Couñago. Cos fígados confitados durante horas elaboran un suquet concentrado sobre o que apoian este particular canelón.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024