VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Á venda as entradas para os concertos de verán na Fundación Sales

Un dos plans máis apetecibles do verán son os concertos na Fundación Sales, esa pequena xoia aínda descoñecida para moitos vigueses. Desde xullo ata setembro haberá numerosas xornadas musicais no xardín botánico, e tamén algunhas presentacións de libros. Posto que o aforo é limitado, xa se poden mercar as entradas para reservar a túa praza.

Marcos de la Fuente durante un concerto de Pólvora na Fundación Sales en 2021 | P. Cermeño

Coa chegada do verán volve a actividade a Fundación Sales. O xardín botánico situado na avenida de Europa acollerá de xullo a setembro nove xornadas repletas de música nas que gozar de varias actuacións nunha paraxe idílica. Resulta curioso que un lugar de tanta beleza, nunha cidade na que non sobran os espazos verdes precisamente, sexa bastante descoñecido por gran parte da cidadanía. Con este tipo de eventos, a Fundación busca atraer a novo público e divulgar a súa ampla variedade de flora.

Os primeiros acordes soarán o 7 de xullo da man de Paulo Pascual, habilidoso thereminista local, e Siricaia, banda portuguesa que actuou o ano pasado no Festival Sinsal. Ao longo do mes pasarán polo escenario Límitice Colectivo cun showcase e Corpo Colectivo Transfronterizo (17 xullo) e Dani Rivera máis Pólvora (21 xullo), vellos coñecidos do recinto.

Siricaia actuando no Festival Sinsal, en 2021 | P. Vázquez

Abrirá agosto Elba e DJ La Plata o xoves 4. O xoves 18 vén cargado, pois haberá a presentación do libro Son da cidade con música en directo, de novo Paulo Pascual e Maldito Murphy en acústico. Para pechar o mes, o domingo 21 será a quenda de Certain Music Records. Encarando a recta final estarán Allová e Treva o 1 de setembro, Najla Shami, Otra Vez Otra Vez e a presentación do libro Comando igualdade o sábado 10 e, por último, Stoned At Pompeii en acústico con Loiros o día 15.

Stoned At Pompeii durante un concerto en The Wild Fest en 2021 | P. Cermeño