Taburete primeira confirmación do Espazo Fest
A banda madrileña Taburete será a encargada de abrir os concertos do Espazo Fest o día 5 de agosto no Pazo de Cea. As 200 primeiras entradas teñen un prezo reducido de 20€, fronte aos 30 euros que será o prezo final.
O Espazo Fest, o festival que combina música e gastronomía en diferentes pazos de Nigrán volve celebrarse este verán e arrancará o 5 de agosto coa actuación da banda madrileña Taburete. Esta primeira actuación terá lugar no fermoso xardín do Pazo de Cea, pero non será a única. Nas vindeiras semanas anunciaranse máis artistas de primeiro nivel, que actuarán neste mesmo pazo e nos xardíns tamén do Pazo de Urzáiz.
Taburete regresan a Espazo Fest coa súa nova xira ‘Caminito a matadero’ na que están presentando o seu último traballo ‘Matadero 5’. Para celebrar este concerto de apertura, Espazo Fest lanza unha gran promoción, coas primeiras 200 entradas a un prezo reducido de 20 euros. As persoas que non cheguen a esta oferta, terán outras 300 entradas a 25 euros e o aforo restante venderase a un prezo final de 30 euros.
Espazo Fest naceu o pasado ano como unha alternativa ao aire libre, para poder gozar os concertos malia as restriccións da pandemia. A idea tivo unha gran acollida, e máis de 6.000 persoas pasaron o pasado verán pola primeira edición do festival, que contou con artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Marlango, Carlos Sadness ou La Bien Querida. Este ano tamén está previsto a presenza de bandas locais, seguindo a filosofía de combinar artistas consagrados con oportunidades para grupos emerxentes. Cada unha das actuacións terá un aforo máximo de 2.000 persoas de pé, e nas vindeiras semanas está previsto o anuncio de novos grupos.
As entradas para Taburete xa están dispoñibles a través de www.teuticket.com.