Domingo infindo
Coñecín a Domingo Villar no Vitruvia. Entre os agradables acordes desta cafetería da Alameda, refuxiámonos da calor daquel día de xullo. Quedaramos alí para unha entrevista, eu retraseime uns minutos en chegar e el agardaba por min apurando un café na barra. Decateime axiña de que estaba ante unha persoa tremendamente educada e correcta, desas que nunca fan que te sintas mal.
O que máis chamou a miña atención foi a súa curiosidade. Eu que levaba un bo repertorio de preguntas anotadas na libreta vinme sorprendida falando dos meus propios proxectos e inquedanzas. Domingo non preguntaba con descaro nin atrevemento; todo o contrario facíao desde a admiración e a sensibilidade.
Como resultado daquela conversa publiquei unha entrevista (A Movida, setembro 2019) que iniciaba así: “Pese a ser un dos escritores que máis libros vende, Domingo Villar (Vigo, 1971) destaca por desprender amabilidade e humildade.” Seguramente Domingo se rubozaría ao ver toda a expectación creada arredor da súa figura estes días. Pode que esta característica fose a que o catapultou ao máis alto. Como el explicaba nesta mesma entrevista, foi quen de tirar ao lixo centos de páxinas escritas por non ter a emoción que el buscaba en cada un dos seus traballos. Coma un alquimista, traballaba a escrita a lume lento, volvía unha e outra vez sobre os textos e sempre atopaba como melloralos. A súa honestidade e o seu tesón convertérono nun dos escritores galegos actuáis máis lidos e traducidos.
Hoxe desde unha igrexa ateigada de xente despedimos a Domingo. Mincho marcha, pero o seu legado humano e literario non morrerá nunca. Sorte que tivo con el a literatura galega e sorte que tivemos todos os que o puidemos coñecer de perto.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024