Blue Indoor Sport, unha parada imprescindible
Quen moito enfeixa, pouco ata. Iso deberon pensar Margarita Domínguez e Francisco Fernández hai 17 anos, cando decidiron iniciar un proxecto centrado no mundo dos porteiros, eses xogadores solitarios que visten cunha cor diferente á do resto do equipo, eses dos que só se fala cando cometen algún erro. Por sorte, Blue Indoor Sport, e a súa tenda irmá online, Sala y Porteros, naceron para asesorar estes valentes con guantes.
No pasado Francisco Fernández xogaba de porteiro, e na actualidade cedeulle as luvas ao seu fillo. Todos estes anos de experiencia fixéronlle reflexionar sobre a escasa oferta que había no mundo dos gardametas, para os que practicamente non existen tendas específicas. Así, hai 16 anos Margarita Domínguez e el decididron estudar o mercado para pouco despois abrir unha tenda na rúa Manolo Martínez, a mesma na que están agora con Blue Indoor Sport.
Co tempo, a especialización neste eido foi en aumento: xeonlleiras; camisetas; luvas de todo tipo; medias especiais; pantalóns curtos, longos ou de tres cuartos… “Decatámonos de que canto máis nos especialicemos, mellor. Temos un mellor produto, unha mellor adaptación ao cliente… Visto con perspectiva, creo que acertamos”, comenta Francisco. Lembra tamén: “Na época na que eu xogaba era impensable que houbese tendas para porteiros. Mesmo nas tendas de deportes non había case nin guantes. Co meu fillo pasou igual, iamos a mercar roupa de porteiro e non había variedade ningunha”.
Como ben se pode deducir do nome da tenda virtual (salayporteros.es), este negocio situado a carón do Pavillón Polideportivo das Travesas tamén está especializado en fútbol sala. Un deporte menos mediático que o seu irmán máis vello, pero que, segundo Francisco, ten un número de fichas igual ou superior ao do fútbol once: “Que sexa máis ou menos visible é cousa dos medios de comunicación. Ás tendas o que nos importa son o número de usuarios, e nese aspecto está equiparado ao fútbol once”, explica.
Blue Indoor Sport evita certas marcas de moita sona, pero de menor acabado, para ofrecer nomes de primeira calidade, como Ho Soccer, Rinat ou Uhlsport para gardametas e Joma, Kelme ou Munich para as botas de sala. Son a única tenda de Vigo específica nestes eidos, polo que a calidade dos seus materiais e dos seus consellos quedan fóra de dúbida. O apartado online é moi importante para a parella. Ademais da súa propia web, tamén venden a través de Amazon desde hai oito anos: “Nos últimos tempos, especialmente nos anos de pandemia, foi o que nos salvou. Cando tiñamos que estar pechados non quedaba outra”, lembran. Unha boa parada.
Blue Indoor Sport | salayporteros.es | Rúa de Manolo Martinez, 2 | 886 13 85 35 | Facebook: @blueindoorsport | Instagram: @blueindoorsport
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024