Terra Deporte, seguridade na montaña
Se hai algo que apetece coa chegada do bo tempo é botarse ao monte. Pode valer calquera dos moitos que temos arredor, ou buscar metas máis ambiciosas alén da comarca. Tanto ten a dificultade do desafío, pois en Terra Deporte atopamos todo o preciso para isto.
Máis aló da ampla variedade de produtos en materia de deporte de montaña, o máis apreciado pola clientela ao longo destes 33 anos é a sabedoría e o asesoramento de Luís Arocas, que rexenta este local canda Erea, súa filla. En 1989 abre as súas portas na súa actual localización, pero coa metade de espazo. “Terra Deporte nace pola falta deste tipo de negocios en Vigo. Había un no Calvario, moi tradicional, que ía pechar despois de moitos anos. A base de viaxar moito decatámonos de que existía unha gran demanda de material e que facía falta unha oferta máis actualizada“, comenta Luís. As cousas foron bastante ben, polo que decidiron ampliar a tenda ata o tamaño que ten hoxe.
Terra Deporte, malia ser un comercio local e individual, forma parte dun grupo de venta nacional para conseguir mellores condicións e ofrecer un servicio máis amplo. A experiencia adquirida a base de décadas e quilómetros ás costas, permite que Luís coñeza con detalle que material é preciso para cada plan. “Levo corenta e pico anos no mundo da montaña, son técnico deportivo e dou cursos tamén, e grazas a esta tenda sigo ligado a este mundo de maneira laboral” comenta o xerente.
Ademais, neste tipo de prácticas na natureza, a calidade na escolla dos produtos é fundamental, pois é a propia saúde o que está en xogo. Un calzado inapropiado, un mal abrigo ou accesorios de escalada inadecuados poden converter unha fin de semana no monte ou na neve nun pesadelo, polo que a opinión previa dun experto é de máxima relevancia antes de facer a mochila. “O aumento de popularidade deste tipo de deportes tamén se debe á mellora dos materiais. Antes era aínda máis duro e perigoso”, explica.
Desde que comezaron este camiño ata agora, tanto a oferta como a demanda deste tipo de produtos foi en aumento. Segundo Luís, o tipo de demanda dun establecemento a outro é ben diferente: “A nosa é máis técnica e máis especializada”, e engade o asesoramento como o outro piar no que sustenta a fidelidade da súa clientela. “Non enganamos a ninguén, tratamos de dar o que cada un precisa en cada momento e a xente valórao moito”, resume.
Terra Deporte | terradeporte.es | Rúa de Pi i Margall, 53 | 986 43 94 31 | Facebook: @terradeporte | Instagram: @terradeporte
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024