CAMELIAS MASCOTAS

Ramón Trigo: «Levo moitos anos dedicándome a isto subsistindo»

Ramón Trigo Alonso (Vigo, 1965) é un dos artistas plásticos máis activos da cidade. O mar é un elemento transversal en toda a obra deste artista, que afronta cada novo traballo co mesmo ímpeto  que unha onda do Atlántico. Quedamos na galería Dua 2 (Marques de Valadares, 35), onde durante todo o mes se pode visitar a exposición dedicada ás baleas que leva a súa firma: Leviatán.

Como e cando empezaches a pintar?

Pinto desde sempre, pero digamos que a decisión de dedicarme a isto tomeina aos 14 anos coa intención de meterme no mundo da banda deseñada. Empezaron a saírme proxectos de ilustración que me encantaron e, forma natural, a cousa foi derivando na pintura.

Que tipo de banda deseñada lías?

Lía revistas que agora xa non existen e que probablemente as xeracións novas nin coñezan xa: Comix Internacional, Heavy Metal, Métal Hurlant, Totem… case me dá vergoña falar delas, porque son moi antigas. Pero son revistas que difundiron autores que hoxe son grandes referentes, como Moebius ou Carlos Giménez.

Chegaches a publicar viñetas no Faro de Vigo.

Si, daquela o Faro tiña un suplemento chamado O Pizarrín, cunha páxina dedicada á banda deseñada e daba opción a que a xente enviase propostas; eu enviei unha e, para a miña sorpresa, publicáronma e pagáronme por ela.

Tes formación regulada en artes plásticas?

Na época en que eu empecei nisto, en Galicia non había estudos de Belas Artes. A única opción era ir á Universidade de Salamanca, pero eu non tiña cartos, así que me apañei co que tiña.

Es debuxante, escultor, ilustrador, pintor, guionistaQue faceta é a que máis che gusta?

Cada día, unha cousa! O que me gusta é facer por crear visualmente. Aplico esa filosofía a cada proxecto, ilustrando, pintando, esculpindo…

O mar está moi presente na túa obra. Isto a que se debe?

Supoño que vivir en Vigo marca moito. Ademais a miña familia é da Guarda, que é case unha illa en si mesma.

Esta exposición está dedicada ás baleas, que ves nestes animais?

Isto naceu hai 12 anos, cando fixen o libro Leviatán,que xurdiu de xeito curioso; tiven a idea de facer unha serie de debuxos de baleas porque me atraían moito, polo tema do mar e polo animal en si. Cando rematei as ilustracións, sentín que tiñan algo que contar e escribín os textos para as imaxes que xa fixera. Deixei o proxecto aparcado, porque me parecía un libro un pouco raro, pero o meu irmán animoume a envialo ao Premio Lazarillo… e gañeino! A partir de aí centreime na temática baleeira porque a balea me parece un ser case sobrenatural: polo tamaño, polo aspecto, pola historia que ten…

As pinturas que atopamos na exposición son as que fixeches para o libro?

Non, son todas novas. Fíxenas o verán pasado para unha exposición que se fixo no porto baleeiro de Caión (A Laracha), moi preto da Coruña. Cando ampliaron a sección baleeira do seu Museo do Mar, pedíronme que fixese unha exposición para a inauguración.

Chegaches a ver unha balea de verdade?

Si, pero morta; unha balea que chegou á Guarda e quedou varada.

E non resulta complicado representar algo que non se coñece ben?

Ese é un dos aspectos que me parecen máis curiosos da balea: a pesar de que moi pouca xente viu algunha, todos temos unha imaxe moi clara de como é. É un bicho que sabemos que existe porque nolo dixeron, pero podería ser un ente imaxinario.

Cando inicias unha obra, que é máis importante para ti: o proceso, o resultado ou a idea que pretendes transmitir?

Eu non son un artista analítico, son un artista compulsivo. Hai xente que antes de facer unha obra analiza o porqué, o que quere facer, o que vai saír… Eu teño unha especie de impulso e fago a obra porque necesito facela. Unha vez rematada, xa me paro analizar por que a fixen ou por que saíu iso e non outra cousa… Pero, vaia, que eu traballo de forma visceral.

Eses impulsos responden á propia experiencia?

Si, ao que teño ao meu redor, á xente que me rodea, ás cousas que me pasan, ás que me contan… Agora mesmo podería sacar un cadro de aquí.

Ti, que expuxeches en moitas salas da cidade, lembras algunha mostra con especial cariño?

Pantoque, porque foi na que me puiden relaxar de vez. Tiña todo o espazo do mundo, calquera cousa que vía valíame para traballar, para crear…

Para ese proxecto estiveches traballando nos estaleiros Armada, como foi esa experiencia?

Detrás de Pantoque estamos Eduardo Armada e mais eu.Nós xa eramos colegas, a familia del ten un estaleiro e el propúxome meterme alí a pintar durante dous ou tres meses, cousa que aceptei encantado. A idea era que, mentres eu traballaba, el documentaba todo con fotos e vídeos. Ao final, eses dous ou tres meses convertéronse nun ano e foi unha pasada. Eu vivo moi preto da ETEA, rodeado de tres estaleiros e pasa con iso como coa balea: aquí todo o mundo coñece os estaleiros, pero moi pouca xente entrou algunha nun e iso mesmo me pasaba a min. Para os homes que traballaban alí tamén era algo novo, pois nunca viran un pintor fozando coas pinturas dese xeito. Ao primeiro era unha situación moi rara, pero enseguida me acolleron e logo eu xa era un máis.

Iso derivou nunha exposición que estivo no MARCO.

Si, e despois converteuse nunha exposición itinerante por diferentes museos da costa.

Tamén tes experiencia como ilustrador de libros para nenos. Que público prefires, o infantil ou o adulto?

Pásame como coa pintura, non penso para quen vai ser. Cando teño unha idea, vai adiante. Unha vez que feito o choio, co editor decide máis cá min cal vai ser o público.

O mural nas escaleiras que unen a rúa do Conde de Torrecedeira coa do Marqués de Valterra leva a túa sinatura. Como foi a experiencia de pintar na rúa?

Pois tamén daba para un documental: poñer a cámara e gravar o que ían dicindo os veciños, porque hai de todo, pero moi ben en xeral. Servíronmo en bandexa, porque ese emprazamento desemboca no mar, así que o tema estaba claro.

Como ves o sector das artes plásticas nesta cidade?

Se falamos da cuestión económica, agora mesmo está todo mal. Pero disque que cando hai unha crise, xorde por outra banda a creatividade. Vexo que hai moita xente nova facendo cousas moi interesantes, creo que máis que noutras épocas e supoño que iso ten algo que ver a crise en que nos encontramos inmersos.

Pensas que hai espazos nos que dar a coñecer o traballo ou botas algo en falta?

Claro que se botan en falta. De feito, esta galería na que estamos é unha supervivente, pois as galerías de arte das décadas dos oitenta e dos noventa desapareceron practicamente todas. Agora estanse creando outro tipo de espazos, son multidisciplinares, móvense moito en redes sociais… Estanse buscando formas novas de amosar as calidades artísticas da xente, pero penso que aínda non están asentadas.

Tamén entrou en xogo a tecnoloxía…

A tecnoloxía ofrece moitas posibilidades, pero asemade a obra navega nun océano cheo de diversas opcións, polo que ao final é moi difícil chegar á xente. O que é salientable é como está a cambiar a forma de relacionarse, pois hai moito máis intercambio entre artistas.

Logo antes era máis individual o traballo?

A min paréceme que si, que eramos máis individualistas.

E desde as administracións públicas, pensas que se podería facer máis ou mellor?

Sempre se podería facer máis, pero tamén penso que un artista non pode estar pendente diso. Se hai unha axuda, pois moi ben; pero se non, hai que buscar a vida, non podes estar esperando pola tallada da administración.

Ti, que desde novo gañas a vida con isto, pensas que é un camiño fácil?

En absoluto! Levo moitos anos dedicándome a isto, subsistindo. Hai épocas en que vai moi ben e outras en que vai moi mal, e o máis habitual é que vaia moi mal. Eu son un tipo moi cabezán e aguantei as épocas malas, pero non todo o mundo está disposto a estar varios meses sen cobrar un patacón.

Que proxectos tes á vista?

Xusto agora veño de impartir uns obradoiros para artistas en Nixeria e gustaríame exportar ese modelo formativo a outros países. E, por suposto, xa me comprometín coa embaixada nixeriana a facer un libro da visita.

Vese que a cabeza non che para…

REVISTA NOVEMBRO

Como a de calquera. Eu desafógome manchando, namentres que outros desafogan doutras formas. Proxectos teño moitos, pero son moi impulsivo e quero facelo todo á vez. Son moi desorganizado, polo que non dou abasto. Un caos.

Tamara Novoa
Editora

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.